Luis López dá conta da aprobación das bases da convocatoria de axudas aos servizos de normalización lingüística da provincia, dotada con 200.000 euros
Con estes recursos as entidades locais poderán crear ou manter e reforzar servizos de normalización lingüística
02/04/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou en conferencia de prensa que a Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar as bases das subvencións para a creación, o mantemento e o reforzo dos servizos de normalización lingüística. Esta liña, tal e como sinalou o presidente, está dotada de 200.000 euros e vai destinada aos concellos e outras entidades locais da provincia.
Por unha banda, os concellos de menos de 50.000 habitantes ou agrupacións de concellos, mancomunidades e entidades locais menores poderán recibir un máximo de ata 35.000 euros para a creación dos servizos de normalización lingüística, financiando o 100 % do seu orzamento de gastos. En caso de contar con este servizo, estas mesmas entidades poderanse beneficiar das axudas para o mantemento e reforzo deste servizo cunha contía máxima de 25.000 euros, que non poderá superar o 80 % do seu orzamento de gastos. Neste segundo suposto poderanas solicitar sempre e cando no momento da publicación da convocatoria xa conten cun servizo lingüístico en activo, co obxecto de melloralo contratando máis persoal ou incrementando a xornada laboral do persoal co que xa conten.
As entidades locais interesadas terán un prazo dun mes para solicitalas, contado a partir do día seguinte ao da publicación das bases desta convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.