Luis López confirma que 170 entidades de 44 concellos da provincia recibirán 1,6 millóns de euros do Plan Provincia Comunitaria 2024

Son asociacións, confederacións, federacións, unións de asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais que se beneficiarán de axuda que oscilan entre os 6.000 e os 10.000 euros

31/10/2024

rolda de presa

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o reparto dos 1,6 millóns de euros do Programa de Acción Comunitaria, coñecido como Plan Provincia Comunitaria 2024, entre 170 asociacións, confederacións, federacións, unións de asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais  de 44 concellos da provincia, que recibirán contías entre os 6.000 e os 10.000 €. “Estamos ao carón das entidades que constrúen territorio e que fan que esta provincia avance como non fixo nos últimos anos”, asegurou o presidente provincial Luis López que lembrou que, con estas axudas, “buscamos potenciar a capacidade das asociacións, así como mellorar a calidade de vida local e os equipamentos veciñais e contribuír á implantación homoxénea destas entidades en todo o territorio”.

En concreto, de Vigo e o sur da provincia benefícianse do Plan Provincia Comunitaria 56 asociacións, confederacións, federacións, unións de asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais de 18 concellos, que reciben 518.000 euros; da contorna de Pontevedra serán 34 entidades de oito concellos, con 313.000 euros; da comarca do Morrazo, catro asociacións de Bueu e Cangas contarán con 34.000 euros; da contorna do Salnés e Arousa, 25 de sete concellos beneficiaranse de 222.000 euros do Provincia Comunitaria; e das comarcas de Deza e Terra de Montes 51 asociacións de sete concellos recibirán 479.000 euros.

A través das axudas do Plan Provincia Comunitaria, estas 170 asociacións e federacións de 44 concellos da provincia poderán executar obras de acondicionamento, reforma ou ampliacións de locais e outros espazos ou adquirir equipamentos que melloren os seus servizos. E, a partir de agora, as entidades terán un prazo de seis meses para executar e xustificar as actuacións ao abeiro do plan.

audios