Luis López sinala que as axudas melloradas de Acción Comunitaria sitúan á Deputación nunha “referencia en España” do apoio aos colectivos veciñais

O presidente provincial, acompañado polo deputado Javier Tourís, presenta as bases dos plans Provincia Comunitaria, +Aqua e o novidoso Novaqua que repartirán 2,4 M€, un 20 % máis que no 2024, entre asociacións veciñais e comunidades de auga da provincia

17/12/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta a aposta do goberno provincial, cun investimento millonario e coa aprobación de programas pioneiros, no eido da acción comunitaria que converten á Deputación nunha referencia a nivel nacional na atención ao movemento veciñal. Fíxoo nun encontro con integrantes da Asociación Gato Negro de Vilagarcía, aos que lle presentou as bases das novas convocatorias dos plans de Acción Comunitaria e +Aqua, así como o contido do novo plan Novaqua. “Tal é o noso compromiso co movemento veciñal, que ata o Goberno central nos achegou fondos para financiar esta aposta. A Deputación de Pontevedra é un referente en España na atención ao movemento veciñal. Pero nada diso sería posible sen que traballaramos man a man como fixemos no 2024 e como ocorrerá no 2025”, adiantou o mandatario provincial nun acto no que tamén participou o deputado responsable de Acción Comunitaria, Javier Tourís.

“Recuperar un plan de apoio ao movemento veciñal non é un agasallo, senón unha obriga e un exercicio de responsabilidade, polo que o ano 2025 vai chegar con impulsos reforzados nesta área para poder atendervos máis e mellor”, sinalou o presidente provincial, quen lembrou que neste ano a Deputación colaborou con 170 entidades veciñais entre as que repartiu 1,6M€ ao abeiro do Plan Provincia Comunitaria e con 173 comunidades de auga cun reparto de 1,6M€ ao abeiro do +Aqua.

A principal novidade destes novos investimentos está no novo plan +Novaqua, dotado con 100.000 euros, que repartirá entre as comunidades de auga de 2.000 e 6.000 euros para axudar a financiar os custos de legalización das traídas. Entre as actuacións subvencionables inclúense a redacción do proxecto, a realización de analítica ou os traballos de topografía, así como os gastos de xestión, tramitación e as taxas.

A segunda edición do +Aqua, dotado no 2025 con 1,15 millóns de euros e 150.000 euros máis que o anterior, trátase dun plan que vai destinar ás comunidades de auga axudas de entre os 6.000 e 10.000 euros para mellorar, reformar ou reparar as infraestruturas e instalacións de auga comunitarias; realizar actuacións de dixitalización, sustentabilidade e eficiencia enerxética das instalacións que impliquen unha mellora da auga; mellorar os sistemas de tratamento e impulsar calidade da auga; legalizar novas concesións ou renovar as existentes e mellorar as captacións e as infraestruturas de almacenamento de auga.

Mentres que a nova entrega do Plan Provincia Comunitaria 2025, dotado tamén con 1,15 M €, 150.000 euros máis que en 2024, está deseñada para que as entidades veciñais poidan beneficiarse de achegas de entre 6.000 e 10.000 euros para executar obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais, en infraestruturas nas que desenvolven as súas actividades ou en espazos que se vaian destinar ao cumprimento dos seus fins; así como para adquirir novos equipamentos, mobiliario ou dispositivos informáticos, acústicos e audiovisuais.

Do mesmo xeito, estes programas chegan acompañados dunha nova liña de apoio que repartirá ata 600 euros por beneficiario para financiar trámites burocráticos. Unha tarefa para a que a Deputación tamén ofrece máis facilidades simplificando e optimizando os formularios e as peticións de documentación. Nos tres casos, a apertura do prazo para solicitar estas axudas é inminente —tan pronto como se publiquen as bases no BOPPO— e permanecerá aberto ata o 17 de marzo de 2025, 15 días máis que no 2025.

“Temos máis orzamento grazas ao incremento dun 20% respecto ao consignado inicialmente para ano 2024, ata os 2,4 M€; temos máis programas e tamén haberá máis beneficiarios grazas a esa ampliación de recursos que nos permitirán chegar a máis colectivos. E a maiores, daremos máis facilidades de xestión con trámites simplificados. O noso obxectivo é reducirvos ao mínimo o papeleo e aumentarvos ao máximo as facilidades”, concluíu o mandatario provincial sobre os plans que se porán en marcha o vindeiro ano.

 

Galerias de imaxes