#TRANSPARENCIA

A vicepresidencia

da Deputación de Pontevedra

O nomeamento e as funcións da Vicepresidencia da Deputación determínanse nos artigos 66, 67 e 68 do Real decreto 2568/1986, de 28 de novembro de 1986, de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais.


A Vicepresidencia, tal e como se indica no artigo 66, será libremente nomeada e cesada polo presidente de entre os membros da Xunta de Goberno. O nomeamento e o cesamento faranse mediante resolución do presidente, da que lle dará conta ao Pleno na primeira sesión que se celebre; ademais, este notificará persoalmente a persoa designada. Debe publicarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, sen prexuízo da súa efectividade desde o día seguinte ao da sinatura da resolución por parte do presidente, se nela non se dispón outra cousa.

A Vicepresidencia substitúe en todas as súas funcións, e por orde do seu nomeamento, o presidente nos casos de ausencia, enfermidade ou impedimento que o imposibiliten para o exercicio das súas atribucións, e tamén desempeña as súas funcións nos supostos de vacante na Presidencia ata que tome posesión o novo presidente.

Cando durante a celebración dunha sesión tivese que absterse de intervir o presidente en relación con algún punto concreto desta, substituirao automaticamente na Presidencia o vicepresidente. Nos supostos de substitución do presidente por razón de ausencia ou enfermidade, o vicepresidente que asuma as súas funcións non poderá revogar as delegacións que outorgase o primeiro en virtude do disposto no real decreto.

VICEPRESIDENCIA

Rafael Domínguez Artime

Rafael Domínguez Artime

A vicepresidencia primeira da Deputación de Pontevedra ocúpaa Rafael Domínguez Artime, encargado das áreas de Economía e Fomento do Emprego, do Museo de Pontevedra e da xestión de iniciativas na contorna da capital da provincia.

Nas áreas de Economía e Fomento do Emprego, Rafael Domínguez ten como obxectivo impulsar programas de desenvolvemento empresarial e iniciativas de apoio ás pemes, ás persoas autónomas e ao sector comercial. Ademais, tamén traballará na promoción do solo e no desenvolvemento de polígonos e parques empresariais, así como no impulso dos viveiros de empresas e dos programas de emprendemento.

Canto ao Museo de Pontevedra, o vicepresidente aposta pola súa modernización e innovación, polo que impulsará a súa promoción cultural e se centrará na rehabilitación e na posta en valor do convento de Santa Clara, uns dos seus sete edificios. Tamén promoverá o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico e apostará polo fomento do arquivo, pola dixitalización de fondos e pola memoria histórica.

Luisa Sánchez

Luisa Sánchez

Luisa Sánchez ocupa unha das vicepresidencias da Deputación de Pontevedra, con competencias nas áreas de Economía e Impulso do Emprego e de Deportes, así como responsabilidades directas na cidade de Vigo e na súa área de influencia.
En materia de economía e promoción de emprego aposta por un modelo de provincia competitiva e emprendedora, con políticas centradas nas persoas e en promover a capacitación, a formación e a adquisición de novas habilidades laborais, co obxectivo de ofrecerlles ás pontevedresas e aos pontevedreses as ferramentas necesarias para enfrontarse a un ecosistema empresarial en constante cambio.

Impulsaranse así programas de desenvolvemento empresarial, convocatorias e iniciativas ao servizo das e dos autónomos, emprendedores e pemes, e prestaráselles especial atención á promoción de solo e ao impulso dos viveiros de empresas como instrumentos clave para o desenvolvemento das economías locais.

Para esta Vicepresidencia e para o Goberno provincial no seu conxunto a área de Deportes é un eixe estratéxico e, en consecuencia, tamén o son todas aquelas celebracións e eventos que teñan as e os deportistas e a promoción deportiva no centro das súas accións.

Nesta mesma liña, apoiaranse de maneira significativa os grandes eventos deportivos que ofrezan importantes posibilidades no ámbito da difusión global e, sobre todo, na promoción turística do territorio, o que contribuirá a proxectar a imaxe da provincia no exterior.

Berce de grandes referentes, Pontevedra é unha potencia deportiva de primeira orde ao máis alto nivel, polo que seguiremos a apoiar as e os nosos deportistas, desde a base á elite competitiva, e a ofrecerlles o respaldo necesario ás federacións, aos clubs e a todo o tecido deportivo da provincia.

Actualización anual