Luis López visita o campo de fútbol de Chapela, no que a Deputación investiu 330.000 € para acometer a renovación integral do seu céspede artificial

A institución provincial financiou o 100% da actuación a través do Plan +Provincia e do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas

05/09/2024

Luis López no campo de fútbol de Chapela

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá, xunto coa vicepresidenta Luisa Sánchez e a deputada Sandra Bastos, o campo de fútbol de Chapela, onde a institución provincial investiu 330.000 euros para acometer a renovación integral do seu céspede artificial. A Deputación financiou integramente esta actuación a través do Plan +Provincia e do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

“Cando comezamos a gobernar na Deputación de Pontevedra decidimos coller unha bandeira, a do deporte, facendo unha aposta decidida e específica polos equipamentos deportivos co Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, e comprometernos máis que nunca co municipalismo, a través do +Provincia”, destacou López. Un ano despois, tal e como subliñou o presidente, “os resultados comezan a cobrar forma en proxectos como este, un novo campo, que é un novo comezo na exitosa e dilatada historia do Chapela CF”.

O renovado campo de fútbol de Chapela foi financiado ao 100% con recursos provinciais da Deputación de Pontevedra. Coa financiación da institución substituíuse o céspede artificial existente por un novo de mellores prestacións, así como renováronse as luminarias e o sistema de rego, entre outras actuacións. “O obxectivo –remarcou Luis López- era renovar o campo para que o club, que conta xa con preto dunha vintena de equipos, puidera dispoñer dunhas instalacións acordes á súa dimensión”.

 

Galerias de imagenes