Luis López anuncia a aprobación do convenio co Concello de Pontevedra para as obras de renovación da iluminación exterior na parroquia de Lérez

A actuación conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros que será financiado integramente pola institución provincial

26/07/2024

Xunta de goberno

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe en conferencia de prensa que a Xunta de Goberno aprobou o convenio de colaboración co Concello de Pontevedra para acometer as obras de renovación da iluminación exterior na parroquia de Lérez. Trátase dun proxecto que conta cun orzamento próximo aos 1,4 millóns de euros e que será financiado ao 100% pola Deputación. O obxectivo, como explicou o presidente provincial, é “mellora ra calidade do servizo en materia de eficiencia enerxética e a redución das emisións de CO2 no municipio”.

Deste xeito, as obras supoñen a implantación de luminarias con tecnoloxía led, máis eficientes desde un punto de vista enerxético. Pero tamén un reforzo da iluminación en lugares como pasos de peóns e vías peonís, o que permitirá mellorar a seguridade das persoas, coa finalidade de crear un espazo público máis seguro e cunha mobilidade máis amable.

Luis López lembrou que a vontade da Deputación é “mellorar a vida dos pontevedreses, é investir en Pontevedra. E teño que agradecer a lealdade institucional e a boa vontade política e de entendemento común co Concello de Pontevedra para traballar por este interese común”.