A Deputación de Pontevedra avanza nas obras de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-2801 Fornelos-Estacas

A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, supervisou a actuación que se está a desenvolver nesta estrada provincial en Fornelos na que se está a investir máis de 230.000 euros

18/07/2024

Avance na mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-2801

A Deputación de Pontevedra avanza nas obras de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-2801 Fornelos-Estacas. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, supervisou esta mañá a actuación que se está a desenvolver nesta estrada provincial en Fornelos na que se está a investir máis de 230.000 euros.

A mellora da estrada provincial EP-2801 Fornelos-Estacas abrangue un tramo de 210 metros desde a saída do núcleo urbano da vila cara o leste do concello. Nos primeiros 50 metros da estrada, que contaban ata o de agora con beirarrúas de ancho insuficientes, crearase a zona de convivencia cunha plataforma única adaptada á contorna. No resto do tramo da actuación construirase a senda peonil de 2,5 metros de ancho, para a que foi necesario construír muros de contención de terras. Ademais, mediante estas obras, tamén se executará unha nova rede de pluviais e soterraranse as canalizacións de electricidade e alumeado.

Nestes momentos, tal e como puido constatar a deputada provincial, están xa rematados os traballos de movemento de terras e os muros de contención e estase a colocar o bordo da senda. Tras estas actuacións procederase a soterrar as redes, formigonar a senda, executar a zona de convivencia, aglomerar o tramo da estrada e instalar os novos elementos de sinalización.