A Deputación de Pontevedra tingue de verde o Pazo provincial con motivo do Día Mundial da ELA

Con esta acción o goberno provincial amosa o seu apoio ás persoas que padecen a enfermidade de Esclerose Lateral Amiotrófica

19/06/2024

O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra tinguirase de cor verde desde a medianoite do 20 ao 21 de xuño e ata as 7:00 horas do día 22 con motivo do Día Mundial da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), que se conmemora cada ano o 21 de xuño. Deste xeito, o goberno provincial amosa o seu apoio ás persoas que padecen esta enfermidade dexenerativa, que afecta principalmente a mulleres e homes de entre 40 e 70 anos.

Con este alumeado do Pazo provincial, a institución provincial súmase a iniciativa #LuzporlaELA que levan a cabo AGAELA, a Asociación Galega de Afectados de ELA, e ConELA, a Confederación Nacional de Entidades de ELA, para visibilizar esta doenza que afecta actualmente a 4.000 persoas en España. No ano 2023, 209 concellos de todo o territorio nacional alumearon máis de 300 monumentos. No que respecta a este ano, na provincia de Pontevedra hai máis de 20 edificios públicos confirmados.

A Esclerose Lateral Amiotrófica é unha enfermidade que paraliza os músculos pouco a pouco ata perder completamente a mobilidade mentres a mente mantense activa. Na actualidade, non ten cura nin existe un tratamento capaz de detela ou freala para convertela nunha patoloxía crónica. É a terceira enfermidade neurodexenerativa máis frecuente despois do alzhéimer e o párkinson, pero adoita aparece en idades más temperás. En Galicia, cada ano se diagnostican arredor de 50 casos, e hai máis de 170 persoas que padecen esta doenza.