A Deputación tínguese de turquesa ata o vindeiro luns con motivo do Día Nacional das Linguas de Signos

A institución provincial únese a Xoga para recordar o papel das Linguas de Signos na transmisión de ideas, a relación persoal e social e o intercambio de coñecemento

 

14/06/2024

O Pazo provincial da Deputación de Pontevedra iluminarase desde hoxe, 14 de xuño ás 22:00 horas, ata o luns 17 ás 7:00 horas de turquesa para conmemorar o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, que se celebra cada ano o 14 de xuño desde 2014 para recordar o día no que se constituíu a Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) en 1936. Esta efeméride pretende lembrar o papel fundamental que xogan para a transmisión de ideas, a relación persoal e social e o intercambio de coñecemento, así como sensibilizar sobre a realidade das persoas xordas e xordocegas.

Deste xeito, a Deputación únese aos actos organizados por Xoga, a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia, asociación de iniciativa social sen ánimo de lucro que ten como misión defender os dereitos fundamentais das persoas con diversidade funcional auditiva de Galicia, logrando así mellorar a súa calidade de vida e benestar.

En España, a xordeira afecta ao algo máis de 1,2 millóns de persoas xordas ou con discapacidade auditiva (das que o 74 % teñen máis de 65 anos). No que respecta á provincia de Pontevedra máis de 16.000 persoas viven con algún tipo de problema sensorial, das que a metade, unhas 8.000 persoas, contan cun problema auditivo.