Vigo
Teatro-Cine Fraga
Un pasado memorable, un presente entre todas e todos, un futuro de cultura
O Teatro-Cine Fraga é un dos recintos culturais históricos de Vigo e ocupa un lugar senlleiro na memoria afectiva da cidade. Cine, teatro, espazo de concertos e baile, durante décadas o céntrico edificio da rúa Uruguay, 3-5, inaugurado en 1948, foi escenario de estreas cinematográficas e eventos culturais e lúdicos aos que asistiron milleiros de viguesas e vigueses e veciñanza de toda a provincia. Hoxe, o Fraga está inmerso nun proceso de rexurdimento que desembocará nunha nova época de esplendor tras ser adquirido pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, que o converterán nun centro cultural pioneiro e de referencia para todo o noroeste peninsular.
O Teatro-Cine Fraga conta con máis de 7.000 m2 de uso cultural no centro da cidade. O edificio, incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, foi proxectado en 1942 polo arquitecto Luis Gutiérrez Soto por encargo do empresario Isaac Fraga e inaugurado seis anos despois cunha gala na que se estreou a película Botón de ancla. Nos seus anos de esplendor o Fraga foi unha icona cultural e lúdica en Vigo e aínda hoxe mantén unha forte carga simbólica para a cidadanía. En 2001 o recinto foi adquirido para convertelo en sede permanente de actividades socioculturais por Caixa Galicia, que en 2005 emprendeu unha reforma, cun proxecto do arquitecto César Portela, que quedaría inacabada.
En 2024 a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra compráronlle o Teatro-Cine Fraga a Abanca (antiga Caixa Galicia) por 9,3 millóns de euros, dos que a institución provincial achegou o 49 % (4,56 millóns). En agosto iniciaron a campaña cidadá “O mellor espazo busca o mellor contido”, concibida como unha reflexión colectiva para enriquecer o plan de usos do recinto. Máis de 200 entidades culturais e particulares presentaron propostas para definir os seus espazos nesta nova andaina. En 2025 está previsto licitar e iniciar a execución das obras. Segundo este calendario, as actuacións no edificio rematarán a finais de 2026, mentres que en 2027 o centro gozará dunha programación estable para iniciar unha nova época de esplendor no corazón da cidade.