
#MOBILIDADE
Rede Ágora
Concellos polo Espazo Público
A Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público é unha iniciativa de acción institucional a prol de considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía. Está formada pola Deputación e 54 concellos da provincia.
O seu obxectivo é chegar a xuño de 2023 conseguindo que os concellos pontevedreses incrementen de forma substancial o espazo reservado ás persoas, itinerarios peonís e ciclables cumprindo un decálogo básico:
Os principios Ágora:
- O espazo público é un dereito: un dereito ao mesmo nivel que a sanidade ou a educación. Toda persoa dun ámbito urbano de calquera dimensión ten dereito a dispor dun espazo público de calidade no que desenvolver a súa vida e as súas relacións sociais con seguridade. É unha obriga das administracións garantirlle ese dereito á cidadanía.
- As persoas primeiro: calquera actuación no espazo público terá como principais destinatarias as persoas a partir dun cambio de prioridades. O obxecto é garantir a mobilidade peonil que terá preferencia sobre outros modos de transporte na seguinte orde: bicicletas, vehículos de mobilidade persoal (MVP), transporte colectivo e automóbil particular.
- Mobilidade inclusiva: o espazo público é o único que é de todas e todos, sen distinción de raza, xénero, idade, condición social ou capacidade física ou psíquica. Os concellos deberán garantir a accesibilidade universal aos espazos públicos e promovelos como elementos de equidade e inclusión social. Atenderanse de xeito prioritario as necesidades dos colectivos máis vulnerables: nenas e nenos, persoas maiores e persoas con diversidade funcional.
- Autonomía infantil: a integración da infancia é un elemento básico do proceso de socialización das nenas e nenos, polo que devolverlles globalmente un espazo público seguro debe ser un obxectivo de toda a sociedade. Os concellos promoverán a creación de camiños escolares seguros (como primeira medida de recuperación do espazo para elas e eles), potenciarán a presenza de nenas e nenos nas rúas e prazas de xeito autónomo, e establecerán canles de participación infantil na vida municipal.
- Mobilidades alternativas: promoverase a mobilidade natural e activa fronte á motorizada, tanto nos núcleos urbanos coma nos rurais, e crearanse espazos de preferencia peonil nas rúas e prazas centrais das nosas vilas e parroquias. No ámbito rururbano e interurbano desenvolveranse itinerarios peonís e ciclables. Fomentarase o uso da bicicleta na mobilidade cotiá como modo de transporte alternativo.
- Espazos seguros: a seguranza viaria será unha prioridade nos concellos, os cales incentivarán políticas de calmado do tráfico, a través da colocación de pasos peonís sobreelevados e redutores físicos de velocidade. Todas as vías municipais en contornas de núcleos urbanos ou rurais disporán de velocidades máximas de 30 km/h. Nos espazos públicos de preferencia peonil os vehículos autorizados terán unha velocidade máxima de 10 km/h.
- Hábitat saudable: a redución da presenza de vehículos a motor e o fomento da mobilidade activa servirá para construír unha sociedade máis saudable. Os concellos, ademais de promover espazos amables e seguros para os desprazamentos cotiáns, promoverán iniciativas para potenciar as prácticas e usos saudables entre a cidadanía como camiñar ou andar en bicicleta.
- Espazos amables e de calidade: os concellos comprométense a que en todos os proxectos de intervención no espazo público se garanta un espazo peonil amable e de calidade, cun itinerario continuo e libre de obstáculos cun mínimo de 2,5 m de largo (preferentemente de 3 m). Nos proxectos de itinerarios peonís e/ou ciclables, nos que se segrega da calzada, garantirase tamén un largo mínimo de 2,5 m (preferentemente de 3 m). No caso de que esta solución sexa imposible ou desaconsellable priorizarase a plataforma única coas medidas de calmado do tráfico necesarias para protexer os colectivos máis vulnerables.
- Actividade económica de proximidade: a potenciación do espazo público de calidade e a presenza de persoas nas rúas servirá de fomento do comercio local. Os concellos promoverán actividades sociais, culturais, deportivas e de lecer no espazo público recuperado, que alén diso servirán como recursos turísticos.
- Mobilidade sostible: diante da actual crise climática e segundo os Obxectivos de Desenvolvemento sostible elaborados pola ONU e pola Axenda 2030, os concellos promoverán a redución do uso de vehículos a motor. O espazo público tenderá a reducir ou estar libre de contaminación ambiental.
Subvencións
Subvencións para a redacción de proxectos de recuperación de espazos públicos para as persoas e a creación de sendas peonís e/ou ciclables no ámbito municipal dos concellos adheridos á Rede Ágora
Convocatoria 2022
- Bases (BOPPO 20/05/2022)
- Extracto das bases (BOPPO 20/05/2022)
- Bases novo prazo de solicitude (BOPPO 19/12/2022).
- Extracto das bases (BOPPO 19/12/2022)
- Tramitación en sede.depo.gal
- Asistencia técnica aos concellos da Rede Ágora para a tramitación das subvencións destinadas a actuacións que favorezan a mobilidade
- Concesión de subvencións (BOPPO 21/12/2022)
- Concesión de subvencións (BOPPO 21/12/2022)
- Aprobación da ampliación de crédito autorizado (BOPPO 04/05/2023)
- Ampliación de crédito autorizado (BOPPO 04/05/2023)
Convocatoria 2021
Grazas ás “Subvencións Ágora 2021” poderán recuperarse preto de 100.000 m2 de espazo público para as persoas gañándollo aos coches.
As axudas chegaron a 39 concellos da provincia por valor de máis de 2,2 millóns de euros. Repartíronse 1.550.000 euros entre 31 concellos que solicitaron subvencións no Eixo 1 —para redactar proxectos—, a través do cal recibiron cada un 50.000 euros; e 666.682,9 euros no Eixo 2 —de execución de obras—, con montantes de ata 100.000 euros.
Os criterios para recibir as subvencións pasaban por incrementar en máis dun 50 % o espazo peonil existente e crear zonas exclusivas para peóns de máis de 300 metros.
Unha vez que se executen os proxectos do Eixo 1 obteranse máis de 82.300 m2 para as e os peóns, o que supón un incremento do 231,65 % do espazo público actual.
No caso do Eixo 2 gañaranse 13.702,43 m2 para as persoas, un aumento do 176,90 %.
- Bases (BOPPO 24/02/2021)
- Extracto das bases (BOPPO 24/02/2021)
- Concesión de subvencións (BOPPO 26/08/2021)