A comarca de Caldas gañará máis de 26.000 m2 de espazo público para as persoas unha vez executados os proxectos subvencionados pola Rede Ágora

Caldas, Portas, Catoira, Moraña, Valga e Pontecesures teñen en carteira 14 actuacións que suporán un investimento duns 6,6 M€     

31/03/2023

Rede Ágora

Os concellos da comarca de Caldas gañarán máis de 19.000 metros cadrados de espazo público para as persoas unha vez se executen todos os proxectos subvencionados con axudas da Rede Ágora do departamento de Mobilidade e Espazo Público da Deputación. Este dato foi divulgado hoxe polo deputado Uxío Benítez tras desagregar o informe xeral presentado  esta semana no acto de celebración de ‘Tres anos de Rede Ágora’ que se celebrou no Pazo Provincial e revelou que na provincia o número total de metros gañados para a veciñanza ascenderá a 340.000.

Na  “conta de resultados” destacada o martes púxose de manifesto que grazas aos proxectos Ágora transformaranse a cantidade total de 620.000 metros cadrados de espazos público, o que supón multiplicar por cinco o espazo público existente gañándollo aos vehículos. Na provincia poranse en marcha 206 proxectos grazas a 5,8 millóns de euros de axudas Ágora sumadas ás do Plan Concellos, ReacPon, ou PON2023 (entre outras), que chegarán a un investimento global de 9,4 millóns de euros.

No caso particular do territorio caldense, os números son certamente positivos: faranse obras nun total de 41.404 metros cadrados, que pasarán de dispoñer dun espazo peonil previo de 3.528 metros cadrados a 29.649 m2, o que supón un incremento de 26.121 metros. Esta renovación e recuperación do espazo urbano implicará un investimento de preto de 6,6 millóns de euros. O número de proxectos en carteira é de 14, estando aprobados na primeira convocatoria de axudas Ágora catro, tres na segunda e sete na terceira e última, este mesmo ano.

A liña de axudas da Rede Ágora concedeu fondos na comarca de Caldas ao Concello de Caldas  para os proxectos de mellora da mobilidade peonil na contorna do Campo da Torre e na Rúa San Roque na primeira convocatoria; mentres que na terceira convocatoria os fondos foron para o proxecto de recuperación de diferentes espazos públicos na vila de menor extensión.

O Concello de Valga recibiu axuda para o proxecto de creación e acondicionamento peonil da contorna da igrexa, adro e campo da feira en Moscoso, na primeira fase de subvencións, e na segunda para a creación dunha senda peonil e ciclable dende o lugar de Castiñeiras ata o núcleo de Ponte Valga.

O Concello de Catoira recibiu axuda para a mellora o proxecto de humanización e recuperación do espazo da contorna da praza do Concello  na primeira convocatoria;  e  para a mellora do núcleo do Paseo do Mirador da Ría e a conexión entre o centro urbán e os enclaves turísticos de Pedras Miúdas, na terceira liña de subvencións.

O Concellos de Portas recibiu na primeira liña de axudas fondos para o proxecto de mellora de accesibilidade no vial municipal que bordea o edificio do Concello.

O Concello de Pontecesures recibiu unicamente dúas subvencións na segunda convocatoria de Ágora: para a redacción do proxecto da reconexión peonil do núcleo urbano da vila (Prazuela e Rúa Miguéns Parrado) e para o proxecto de acondicionamento da contorna da estación de tren.

O Concello de Moraña, un dos últimos en adherirse á Rede Ágora, recibiu subvencións na convocatoria de 2023 para a redacción dos proxectos de humanización do camiño principal do lugar de Mos,para a recuperación de espazo público na zona deportiva da Rúa 7, e para a creación dunha senda entre a zona de O Buelo e a Rúa número 7, ademais da mellora da accesibilidade na rúa 1 de Santa Lucía.