#XUVENTUDE

PLAN +XUVENTUDE

Axudas destinadas á posta en marcha de iniciativas de interese social, promovidas pola xuventude da provincia de Pontevedra durante o ano 2024


A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, promove unha nova convocatoria de axudas co obxectivo de proporcionarlles ás asociacións e aos colectivos xuvenís apoio na posta en marcha de proxectos nos que a mocidade participe de forma activa e directa en actividades concibidas por ela mesma e das cales sexa protagonista.

A convocatoria está dirixida a apoiar iniciativas, promovidas por persoas de entre 18 e 35 anos e asociacións xuvenís que desenvolvan proxectos que favorezan e promovan o desenvolvemento persoal e comunitario; contribúan ao apoderamento xuvenil, á formación en valores e á consecución de hábitos saudables; e enriquezan a vida social, económica, científica e cultural da provincia. Estas iniciativas e proxectos deben ser realizados e ideados durante o ano 2024.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das bases e do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na Base de Datos Nacional de Subvencións.

Poderán ser destinatarias destas subvencións:

  • Asociacións xuvenís prestadoras de servizos dirixidos á mocidade, sen ánimo de lucro, non sometidas a ningún réxime asociativo específico e con sede social ou cunha delegación na provincia de Pontevedra.
  • Grupos formados por un mínimo de tres e un máximo de oito persoas con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos no momento de presentar a súa solicitude para esta convocatoria, aínda que carezan de personalidade xurídica ao non estar constituídas coma asociación.

As iniciativas presentadas englobaranse nalgunha das seguintes áreas de actuación:

  • Iniciativa empresarial.
  • Vida saudable e loita contra a violencia e as condutas de risco.
  • Fomento da cultura en todas as súas áreas e da innovación, así como promoción dos sectores científico, tecnolóxico e dixital, e das ciencias xurídicas e das sociais.
  • Creación de consellos locais de xuventude e fomento do asociacionismo e do voluntariado xuvenil.
  • Promoción do desenvolvemento e dinamización do medio rural.
  • Protección do medio e loita contra o cambio climático

A dotación destinada a esta convocatoria é de 100.000,00 euros e cada proxecto poderá obter unha axuda máxima de 5.000,00 euros. A súa concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.