2025

Programa de axudas para legalización das traídas de augas veciñais

A auga é un recurso básico para garantir a vida de todos os seres vivos do planeta, un dereito de toda a cidadanía e un ben público. Ademais, é un patrimonio social, ambiental e económico directamente relacionado co benestar da poboación. Tamén é un recurso limitado, posto que a cantidade dispoñible está condicionada pola súa desigual distribución no espazo e no tempo. Neste mesmo senso, cómpre lembrar que o acceso á auga, ao saneamento e á hixiene é un dereito fundamental, pero, non obstante, gran parte da poboación mundial segue atopando a diario trabas para acceder aos servizos básicos esenciais.


Así, detectouse unha importante eiva ao constatar que existen numerosas traídas de auga que non dispoñen dunha concesión de augas vixente ou que directamente non están amparadas pola debida concesión. É dicir, que necesitan legalizar a súa situación, ben mediante a constitución dunha nova comunidade de augas ou ben mediante a novación ou renovación da concesión de augas existente.

A finalidade destas axudas é contribuír a mellorar a calidade de vida local e satisfacer as necesidades básicas da poboación a través do financiamento de actuacións que contribúan a mellorar a prestación do servizo de abastecemento de auga para consumo humano e o seu control sanitario, e contribuír así a mellorar o nivel de garantía deses sistemas en canto á calidade e cantidade da auga.