A Deputación ultima os días para visitar no Museo de Pontevedra a exposición “Pinturas negras”
Pecha este domingo a mostra que explora a expresividade da cor negra con obras de trece artistas con vínculos coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra
03/04/2025
O Museo de Pontevedra pecha este domingo a exposición "Pinturas negras", unha mostra composta por obras de trece artistas que exercen a docencia ou se graduaron na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e que se puido visitar no Edificio Castelao desde febreiro. O eixo da exposición, que abriu as súas portas o 21 de febreiro, é a cor negra e todas as súas posibilidades formais e simbólicas.
Con ese punto de partida reúnese na sala unha selección de obras de Acacia Ojea, Alejandra Pardo, Araceli Liste, Erik Balbuena, Fernando Casás, Fruela Alonso, Juan Loeck, Juan Rivas, Julia Huete, Lúa Gándara, Miguel Teixeira, Mónica Cabo e Sol Mussa. Son pezas de xéneros moi diversos, que van do debuxo e a pintura á arte sonora, pasando polas instalacións e a escultura. O que as une é o protagonismo material ou conceptual da cor negra en todas elas e, tomando como referencia a serie de Goya, preténdese aludir ás diversas posibilidades formais e simbólicas do negro, entendido como negación da cor, como orixe ou final da pintura, como escuridade, como materia opaca, como noite, como raza, como cegueira, como abismo, como espazo infinito, como morte.
Tamén se intenta sinalar o vínculo destes traballos coa escuridade de certa pintura española; non no sentido de que repliquen esquemas formais ou técnicas tradicionais, senón da súa capacidade para conectar ou dialogar cunha cultura do dramático e do expresivo: a escuridade de Ribera, Goya, Lucas Velázquez, Solana, María Blanchard, Ángeles Santos, Maruja Mallo; de Manolo Millares, Antonio Saura, Amalia Avia, Lucio Muñoz, Laxeiro; de Nati Bermejo, Enrique Marty, Marina Núñez, Abigail Lazkoz. Igual que na contemporaneidade os límites entre xéneros artísticos disólvense, estas pinturas negras, feitas con medios diferentes, fúndense no espazo expositivo.
"Pinturas negras" amosa o traballo de artistas con vínculos coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra, tanto por ser docentes coma por graduarse neste centro. Tamén o equipo comisarial mantén estes lazos: Sandra MG é graduada e na actualidade está preparando a súa tese de doutoramento nesta facultade, onde Ignacio Pérez-Jofre é, desde hai trinta anos, profesor. Ademais, a exposición dá continuidade ás que se foron sucedendo nos últimos anos como resultado da colaboración do Museo coa Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo: 'De mestras e mestrados', 'Campo de sementes 1", "Campo de sementes 2' e 'Pregar a pintura'.