Luis López salienta que o Plan +Provincia da Deputación mobiliza esta semana 1,8 millóns de euros para que 11 concellos impulsen investimentos e contraten persoal
Estes novos recursos beneficiarán á Cañiza, Barro, Cambados, Meis, Moaña, Mondariz, O Grove, Ponteareas, Ribadumia, Salvaterra e Valga. O +Provincia destinou xa 16,5 millóns de euros aos concellos de menos de 50.000 habitantes
04/04/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar 1,8 millóns de euros para que A Cañiza, Barro, Cambados, Meis, Moaña, Mondariz, O Grove, Ponteareas, Ribadumia, Salvaterra e Valga impulsen novos investimentos e contraten a 54 persoas ao abeiro das liñas 1 e 3 do Plan +Provincia 2025. O presidente provincial, Luis López, asegurou que o goberno provincial “avanza, unha semana máis, no reparto de fondos do +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, que xa leva distribuídos 16,5 millóns de euros neste 2025 entre os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes”.
Desta maneira, a través da liña 1, Barro recibe 64.806 € para completar o financiamento das obras de mellora dos accesos ao parque da natureza da Ría de Barosa, que conta xa con 367.234 € do Plan Extra; Cambados 197.994 € para o proxecto de reforma e posta en valor do Pazo Torrado e os seus xardíns, que conta tamén con 500.000 € do Plan Extra; Meis 72.499 € para a humanización da rúa Igrexa desde a praza de España ata a conexión coa EP-9402,que recibiu 410.823 € do Plan Extra; Mondariz beneficiarase de 74.808 € para o acondicionamento e mellora da impermeabilización, accesibilidade e eficiencia enerxética do pavillón municipal, que completan os 423.990 € do Plan Extra, e Valga de 202.375 € para o acondicionamento e renaturalización da zona norte da lagoa de Porto Piñeiro, que recibiu tamén 700.000 € do Plan Extra. Ademais Moaña recibe 202.764 € para o proxecto de reposición dos servizos municipais e pavimentación da rúa entre Os Valos; Ponteareas 59.605 para a adquisición dun inmoble destinado á oficina de turismo, e Salvaterra de Miño 150.367 € para a mellora do parque infantil e da área deportiva da Canuda.
A través da liña 3, de activación de emprego, do +Provincia, A Cañiza, Barro, O Grove e Ribadumia reciben 762.406 € para contratar a 54 persoas desempregadas. En concreto, A Cañiza contará con 119.895 € para contratar a 10 persoas como peóns de obras públicas (4), condutores (4) e mozos de recollida de lixo (2); Barro con 98.505 € para que 7 persoas desempeñen as funcións de peóns de parques e xardíns (5), peón de transporte en xeral (1) e condutor en xeral (1); Moaña con 212.481 € para 17 persoas como peóns especialistas medioambiente – forestal (6), peóns especialistas xardineiros (6), peóns de obra pública (3), oficial albanel enterrador (1) e oficial electricista (1); O Grove con 132.007 € para que 14 persoas desempeñen as funcións de peóns de obra pública (4), peóns de limpeza (3), condutores (3), peóns de xardinería (2), animador sociocultural (1) e auxiliar de museo (1), e Ribadumia con 192.659 € para contratar a 6 persoas desempregadas como peóns de obras públicas (3), albanel (1), monitor de tempo libre (1) e técnico de administración xeral (1).