Rafa Domínguez salienta que o Plan +Provincia da Deputación mobiliza esta semana preto de 1,8 millóns de euros para que sete concellos impulsen investimentos, afronten gasto corrente e contraten persoal

Estes novos recursos beneficiarán a Baiona, Cambados, Oia, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra e Soutomaior. O +Provincia destinou xa preto de 12 millóns de euros aos concellos de menos de 50.000 habitantes

21/03/2025

Rafa Domínguez

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar preto de 1,8 millóns de euros para que Baiona, Cambados, Oia, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra e Soutomaior impulsen novos investimentos, afronten gasto corrente e contraten a 43 persoas ao abeiro das tres primeiras liña do Plan +Provincia 2025. O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, asegurou que o goberno provincial segue “avanzando, unha semana máis, no reparto de fondos do +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, que xa leva distribuídos arredor de 12 millóns de euros neste 2025 entre os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes”.

Desta maneira, a través da liña 1, Baiona recibe 493.571 € para financiar a achega que lle corresponde ao Concello do proxecto de reurbanización da contorna de Santa Liberata, que xa conta cunha axuda de 700.000 € do Plan Extra, mentres que Salceda de Caselas contará con 175.000 € para o saneamento de Entenza, que conta tamén con 700.000 euros do Plan Extra, financiándose, deste xeito, ambas actuacións integramente  con fondos provinciais. Ademais, Soutomaior recibirá 229.044 € para a reforma do Salón de plenos e o acondicionamento da contorna do Concello e Salvaterra de Miño 267.092 € para a humanización e mellora dun parque infantil.  E O Porriño contará con 91.380 € no marco da liña 2 para a organización de diferentes actividades sociais neste 2025.

Por outra banda, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou destinar 101.406 euros da liña 3, de emprego, do +Provincia para que Oia poida contratar a sete persoas desempregadas como peóns forestais (4), albaneis (2) e condutor operador de maquinaria forestal (1); 202.347 € para que Cambados contrate a 18 traballadores como operarios de servizos (6), oficiais de cultura (4), limpadores (2), administrativos (2),técnico de medioambiente (1), oficial de museos (1), peón laceiro (1) e conserxe (1); e 211.384 € para que O Porriño contrate a outras 18 persoas como peóns forestais (6), conserxes (4), técnicos licenciados en dereito, ADE ou económicas (2), oficial de 1ª carpintería (1), oficial de 1ª soldador (1), oficial de 1ª palista (1), auxiliar enfermeiro (1), publicista redactor (1) e arquiveiro (1).

videos

audios