A Deputación leva o programa +Escénicas a Arbo coa obra teatral “Contos para pasalo de medo” de Carmen Domech

A peza, para nenos de 4 a 11 anos, poderá verse na biblioteca municipal o próximo xoves 2 de xaneiro ás 11:00 horas

30/12/2024

A Deputación de Pontevedra leva este xoves 2 de xaneiro o circuíto +Escénicas a Arbo coa obra teatral “Contos para pasalo de medo”, a cargo da narradora e titiriteira Carmen Domech. A peza, pensada para nenas e nenos dos 4 aos 11 anos, poderá verse na biblioteca municipal de Arbo a partir das 11:00 horas no marco desta pioneira iniciativa cultural da institución provincial, dotada de 150.000 euros, que está a levar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.

“Contos para pasalo de medo” está narrado polo monicreque da señora Antonia, de quen din que é unha meiga. Será polo seu aspecto? Leva un sombreiro picudo e unha saia morada, e ten un nariz afiado, unha verruga no rostro, as costas encurvadas e un andar decidido. Ou é polos seus amigos? Bandidos, pantasmas, morcegos e almas… A través de cinco historias, Antonia achega os nenos a un mundo de tebras onde, co humor, o amor e o terror, vano pasar de medo. Os contos valoran a amizade e a xustiza, a cooperación e o diálogo fronte aos problemas e mostran que a bondade e o respecto son unha arma coa que se pode vencer a violencia. A sesión inclúe contos como “Os tres bandidos” de Tomi Ungerer, outros de tradición oral, como unha versión de “O home do saco", e outros de invención propia. O contacontos ten un teatriño de papel para que o público o descargue de balde antes ou despois de asistir ao espectáculo.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao abeiro do programa a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.