A Deputación visita en Poio a estrada provincial EP-0601 Portosanto-Campelo-PO-308 na que se investirán máis de 1,8 millóns de euros para a mellora da mobilidade peonil

A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, visitaron a zona na que, entre outras actuacións, se executará un itinerario peonil de 1,1 quilómetros de lonxitude

19/12/2024

Isabel Couselo e o alcalde de poio

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, xunto co alcalde de Poio, Ángel Moldes, visitou este xoves a estrada provincial EP-0601 Portosanto-Campelo-PO-308 na que se investirán máis de 1,8 millóns de euros para a mellora da mobilidade peonil. A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, visitaron a zona na que, entre outras actuacións, se executará un itinerario peonil de 1,1 quilómetros de lonxitude.

“Cando comezamos a gobernar na Deputación de Pontevedra –recordou a deputada- había un proxecto para esta estrada provincial con moitas problemáticas. En primeiro lugar, porque non recollía as demandas da veciñanza e, en segundo, porque había un tramo no que a circulación se reducía a un sentido e ía xerar un problema de tráfico importante”. Neste eido, Couselo detallou que “o que nós fixemos en primeiro lugar, con bo criterio do alcalde de Poio, foi escoitar aos veciños para redactar un proxecto que dese resposta ás súas demandas e que hoxe temos xa en fase de supervisión coas vistas postas nos primeiros meses do 2025, para asinar o convenio de colaboración co Concello para poder levar a cabo a actuación”.

Couselo recordou  que a actuación da estrada provincial EP-0601 Portosanto-Campelo-PO-308 executarase en dúas fases. En primeiro lugar vaise actuar na conexión da vía provincial coa PO-308 para, despois, resolver os problemas de tráfico no tramo que queda. Deste xeito, nesta primeira fase vaise executar un itinerario peonil de 2,5 metros de ancho entre os puntos quilométricos 2+410 e o 3+510. Ademais tamén está previsto levar a cabo obras de pavimentación na totalidade da estrada e completar a actuación coa mellora dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e abastecemento, o soterramento dos servizos de telecomunicacións e electricidade, a renovación da instalación de alumeado público mediante a colocación de 51 luminarias LED ao longo de todo o percorrido e a execución de 5 muros de entre 1 e 2,5 metros de altura para acadar o ancho de plataforma buscado.

Nestes momentos, a Deputación de Pontevedra está tamén actuando nesta estrada provincial EP-0601 Portosanto-Campelo-PO-308 executando cunetas de seguridade, do mesmo xeito que está a levar a cabo na EP-0602 Portosanto-Lourido-Campelo.