A Deputación aconsella aplicar tratamentos contra o mildio tralas choivas nas viñas con maior vexetación

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro avisa de que, co aumento dos esporanxios no aire e o maior desenvolvemento das follas, se se compren os prognósticos meteorolóxicos dos próximos días elevarase o risco de infección

03/04/2025

viñas con gromos

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar un novo aviso fitosanitario do persoal da Estación Fitopatolóxica do Areeiro como parte da fase inicial da campaña da vendima. Froito do ascenso das temperaturas máximas especialmente desde o pasado venres, o persoal observou un desenvolvemento relevante dos gromos nas viñas do Salnés, mentres que nas subzonas do Condado e O Rosal se atopan máis atrasados. O estado fenolóxico dominante no Salnés é o de acios visibles, mentres que nas outras dúas zonas é o de follas estendidas.

Ao coincidir esas temperaturas con nocturnas máis suaves e certa precipitación, algunhas viñas xa están en situación de risco de mildio. Por unha banda, aínda non se sabe con certeza como evolucionarán as precipitacións e as temperaturas, pois as previsións difiren na cantidade e probabilidade de choivas. Pola outra banda, estanse recollendo cifras significativas (aínda que baixas) de esporanxios (36, un incremento considerable fronte aos 10 da semana pasada, en Sanxenxo). Con esa suba, sumado ao maior desenvolvemento das follas e a previsión de temperaturas suaves, elevarase o risco de infección especialmente nas viñas de máis vexetación onde se aconsella aplicar o primeiro tratamento inmediatamente despois das choivas, no caso de que as condicións ambientais previstas se cumpran (e sempre con vento en calma para evitar que o produto se arrastre e xere contaminación) e sempre que non se estean a realizar seguimentos específicos desta enfermidade. No resto de viñas cómpre incrementar a vixilancia.

En canto a outros parasitos da viña, só se detectaron caracois que están a eliminar parte das follas e dos gromos. Ademais, o persoal de Areeiro aconsella non descoidar os labores de roza da vexetación nin a eliminación das plantas mortas na súa totalidade (algo imprescindible nas zonas afectadas pola flavescencia dourada).

No que respecta a outros cultivos, Areeiro recomenda vixiar o estado dos parasitos en cultivos leñosos e herbáceos para detectar os primeiros ataques e actuar de xeito localizado. Cómpre lembrar que os brotes tenros en crecemento son moi atractivos para insectos praga, e tamén é neles onde se manifestan as infeccións polos patóxenos que están reiniciando o seu ciclo biolóxico e se favorecen polas condicións húmidas.

Finalmente, en canto á bolboreta do buxo, as eirugas están a saír pouco a pouco da hibernación e iniciando a alimentación, véndose poucos gromos afectados por parte do persoal da Deputación. A partir de agora é necesario iniciar unha vixilancia continua, retirando as eirugas atopadas para reducir a poboación e retrasar a potencial necesidade de aplicar insecticidas.

Galerias de imaxes