A Deputación recibirá este venres a visita dos Reis Magos por primeira vez na súa historia
As súas maxestades recollerán as cartas dos nenos e nenos que se acheguen ao Pazo provincial despois de visitar a rapazada do Centro Príncipe Felipe
30/12/2024
A Deputación de Pontevedra recibirá este venres 3 de xaneiro por primeira vez na súa historia a visita dos Reis Magos, e todas as nenas e nenos da provincia están convidados a achegarse a vivilo. As súas maxestades virán acompañados dos seus paxes reais, que os axudarán a recoller as cartas dos máis cativo e tamén repartirán entre a rapazada a ilusión do Nadal e algunha que outra sorpresa.
Antes de pasar pola sede central da institución, os Reis Magos tamén visitarán os nenos e nenas do Centro Príncipe Felipe a partir das 10:00 horas. O seu paso polo Pazo provincial está previsto a partir das 12:00 horas, cando serán recibidos polo vicepresidente Rafa Domínguez e outros membros do goberno provincial.
A visita dos Reis Magos é unha das actividades enmarcadas no programa “O noso Nadal” da Deputación de Pontevedra, que inclúe o ciclo de concertos Entradiñas de Aninovo, actividades no Museo de Pontevedra como obradoiros e exposicións temáticas, e tamén outras de carácter familiar e infantil no Castelo de Soutomaior. Neste último, recentemente a Deputación puxo á venda as entradas para asistir a un xogo de escapismo e está a proxectar, desde as 19:00 horas ata as 20:30 horas, un ‘videomapping’ na Torre da Homenaxe.