Luis López anuncia que os Reis Magos visitarán a Deputación por primeira vez na historia o próximo venres
As súas maxestades achegaranse ao Pazo provincial contra as 12:00 horas despois de visitar a rapazada do Centro Príncipe Felipe
27/12/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que de hoxe nunha semana, o próximo venres 3 de xaneiro, a institución provincial recibirá a visita dos Reis Magos. “As súas maxestades van ser recibidas na institución provincial para recoller en persoa as cartas dos máis cativos da provincia”, sinalou Luis López, que tamén sinalou que “é algo que nunca antes pasara na historia da Deputación”.
O presidente deu conta do itinerario que farán os Reis Magos na súa visita á Deputación, que comezará ás 10:00 horas visitando os nenos e nenas do Centro Príncipe Felipe. Posteriormente, contra as 12:00 horas, serán recibidos polo goberno no Pazo provincial.
Luis López animou a “pais, nais, avós e avoas, e nenos e nenas da provincia que nos esteades escoitando” a que se acheguen o próximo 3 de xaneiro ao Pazo provincial para que non perdan a oportunidade “de entregarlles as vosas cartas aos Reis Magos e aos paxes reais en persoa”.