A Deputación abre o prazo para que entidades sen fins de lucro soliciten as axudas para a organización de festivais musicais e de artes escénicas e audiovisuais, dotadas con 340.000 €

O prazo de solicitude para optar a estas liñas de axuda, que incrementaron o seu orzamento en 10.000€ con respecto ao pasado ano, abre este mércores 26 de febreiro

25/02/2025

A Deputación de Pontevedra abre este mércores, 26 de febreiro, o prazo para que entidades sen ánimo de lucro opten ás axudas económicas para desenvolver festivais musicais e de artes escénicas e festivais audiovisuais. Dúas liñas de achegas dotadas con 340.000 euros, 170.000 euros cada unha, que incrementaron o seu orzamento en 10.000 € con respecto ao pasado ano ante o éxito rexistrado nestas convocatorias. En liñas xerais, con esta axudas a institución provincial pretende apoiar a organización de festivais e certames que lles dediquen especial atención á programación e á difusión da música, teatro e cine galegos.

A liña dirixida a festivais musicais ou de artes escénicas, que o pasado ano apoiou a celebración de 14 festivais organizados en nove concellos, beneficiará a aquelas actividades que, ademais de desenvolverse no 2025, teñan unha duración mínima de dúas xornadas e oito grupos, con, como mínimo catro galegos que interpreten obras en galego ou de autoría galega. Ademais, entre outros requisitos, deben levar un mínimo de catro edicións consecutivas celebrándose nos últimos catro anos.

No relativo á liña para festivais ou certames cinematográficos, que o pasado beneficiou a festivais como o Play-Doc, Cans, o Festival Primavera de Cine, o FICBUEU, o Galician Freaky Film Festival, o Festival de Cine Inclusivo de Vigo, o Curtas, Festival do Imaxinario ou o Novos Cinemas, que foron os que formaron parte da marca Rías Baixas Film Fest, o apoio vai dirixido a aqueles eventos que presten atención á programación e difusión do cine galego. Así, para beneficiarse destas achegas os festivais, que deben celebrarse no 2025, teñen que durar -como mínimo- catro días e incluír, tamén como mínimo, 20 proxeccións,  así como cinco sesións ou un 10% de títulos de produción ou dirección galegas.

En ambos casos, o prazo para solicitar as achegas estará aberto durante un mes e as bases para as dúas liñas de axudas, nas que se recollen ao detalle todos os requisitos e os gastos subvencionables, poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.