Luis López dá conta de novos recursos por valor de 680.000 euros para o fomento da cultura e da lingua galega na provincia
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou a liña de axudas para que os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia desenvolvan actividades de dinamización da lingua, dotada con 150.000 €
14/02/2025
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe catro novas liñas de axudas que mobilizan un total de 680.000 euros para fomentar a cultura e a lingua galega na provincia. En concreto, trátanse de 150.000 euros para que os concellos de menos de 50.000 habitantes poidan desenvolver actividades de dinamización da lingua galega; 340.0000 euros para que entidades sen fins de lucro desenvolvan festivais (170.000 € para festivais musicais e de artes escénicas e 170.000 € para festivais audiovisuais) e para a posta en marcha da segunda edición do circuíto + Escénicas, cun orzamento de 195.000 euros. “A cultura é un dos nosos eixos prioritarios, e queremos, e debemos, contribuír á programación cultural estable en todos os concellos da provincia, independentemente do seu tamaño, para que toda a nosa veciñanza teña a posibilidade de acceder a actividades culturais”, asegurou o presidente provincial, Luis López.
Deste xeito, a Xunta de Goberno deu luz verde á liña de axudas para que os concellos de menos de 50.000 habitantes impulsen actividades de dinamización da lingua galega, ben sexa a través de programas e certames literarios e xornalísticos, ou de feiras e eventos ou actividades de creación, de actividades de sociolingüística e toponimia como estudos e publicacións ou xornadas, de iniciativas de fomento do emprego do galego no comercio e na industria ou, entre outras, campañas de dinamización. Serán gastos subvencionables as infraestruturas e espazos para o programa ou evento, a contratación de servizos técnicos e profesionais, a edición de publicación, o custe de comunicación e prensa, publicidade e difusión, e grupos, artistas e compañías, e a achega non pode superar o 75% do orzamento da actividade.
En canto ás axudas para que entidades sen fins de lucro desenvolvan festivais musicais e audiovisuais, Luis López sinalou que cada unha das liñas está dotada con 170.000 euros, 5.000 € máis que no 2024 en ambos casos, un 3% máis, ante o éxito destas convocatorias no 2024. A liña dirixida a festivais musicais ou de artes escénicas, que o pasado ano apoiou a celebración de 14 festivais organizados en nove concellos, beneficiará a aquelas actividades que, ademais de desenvolverse no 2025, teñan unha duración mínima de dúas xornadas e oito grupos, con, como mínimo catro galegos que interpreten obras en galego ou de autoría galega, e, entre outros requisitos, deben levar un mínimo de catro edicións consecutivas celebrándose nos últimos catro anos.
No relativo á liña para festivais ou certames cinematográficos, que o pasado apoiou a festivais como o Play-Doc, Cans, o Festival Primavera de Cine, o FICBUEU, o Galician Freaky Film Festival, o Festival de Cine Inclusivo de Vigo, o Curtas, Festival do Imaxinario ou o Novos Cinemas, que foron os que formaron parte da marca Rías Baixas Film Fest, préstase tamén especial apoio a aqueles que dediquen a súa atención á programación e difusión do cine galego. Así, para beneficiarse destas achegas os festivais, que deben celebrarse no 2025, teñen que durar -como mínimo- catro días e incluír, tamén como mínimo, 20 proxeccións, así como cinco sesións ou un 10% de títulos de produción ou dirección galegas.
Circuíto +Escénicas
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra tamén deu luz verde á segunda edición do circuíto +Escénicas, dotado con 195.000 euros para apoiar a programación de espectáculos de danza e teatro en galego nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Un circuíto que pon a disposición dos concellos un catálogo de espectáculos de artes escénicas de compañías e artistas da provincia e do resto de Galicia, tanto de teatro como de danza.
Esta iniciativa cultural estreouse no 2024 cun grande éxito, programando case 300 espectáculos en 49 concellos e por iso, como explicou o presidente provincial, “este ano queriamos ir un paso máis alá e, ademais, de ampliar o orzamento en máis dun 10%, incorporamos varias novidades”. En liñas xerais, a cada concello correspóndelle unha achega de ata 3.800 €, e poderá solicitar un máximo de cinco espectáculos, tendo sempre en conta que, si solicitan catro ou máis, polo menos un deles deberá pertencer á modalidade de +Danza.
Nestes momentos, e ata o 28 de febreiro, estará aberto o prazo para que as compañías poidan inscribir e/ou modificar espectáculos no catálogo “+Escénicas”, que está dispoñible na web da Deputación de Pontevedra.Entre o 17 e o 31 de marzo os concellos poderán presentar solicitudes de espectáculos e estes deberán desenvolverse entre o 1 de abril de 2025 e o 31 de marzo de 2026.