A Deputación organiza este domingo no Castelo de Soutomaior un obradoiro de pintura ao aire libre arredor da camelia
A programación da institución provincial coa flor das Rías Baixas como protagonista complétase este mes con visitas temáticas, un obradoiro de ecoprint para público adulto e un obradoiro de origami e un contacontos para público infantil
01/03/2025
A Deputación de Pontevedra organiza este domingo 2 de marzo no Castelo de Soutomaior un obradoiro de pintura ao aire libre arredor da camelia para nenas e nenos a partir dos 3 anos. Esta actividade forma parte da programación anual de camelia no Castelo coincidindo coa temporada de floración deste exemplar que se ten convertido en símbolo das Rías Baixas, e terá lugar ás 16:30 horas.
Desde o mes de febreiro e ata mediados deste mes de marzo será posible gozar tamén doutras actividades especiais a carón da camelia. Por exemplo, destacan os percorridos temáticos que relacionan esta flor con diferentes ámbitos como a literatura, que terán lugar entre o 25 ao 30 de marzo (trala quenda que remata este mesmo domingo), ou tamén coa moda, con visitas programadas esta mesma semana, entre o 4 e o 9 de marzo. Ademais, entre o 11 e o 16 de marzo terán lugar percorridos centrados na relación entre camelia e saúde e haberá visitas guiadas grupais, escolares e individuais para coñecer o xardín do Castelo de Soutomaior, declarado de excelencia internacional en camelia.
Obradoiros e contacontos para público infantil e adulto
Ademais, a Deputación organiza este mes outras tres actividades dentro da programación da camelia no Castelo de Soutomaior. Todas as actividades restantes da programación teñen un prezo de 8 euros e unha capacidade máxima de 30 participantes.
A primeira delas será unha nova quenda do obradoiro de ecoprint, é dicir, estampaxe botánica, dirixido a un público adulto e que terá lugar o 16 de marzo ás 11:00 horas. Seguiralle o obradoiro de origami “Arte con papel”, que terá lugar o 22 de marzo ás 16:30 horas, e o 23 de marzo á mesma hora desenvolverase o contacontos “Lendas que florecen”, que incluirá relatos inspirados na maxia das camelias e na historia do castelo. Estas dúas actividades infantís están pensadas para a rapazada a partir dos 3 anos.