A Deputación celebra este venres o Día de Rosalía cun acto no Pazo provincial baixo o lema “Canta Rosalía!”

A institución provincial organiza unha lectura de poemas e anunciará a posta en marcha dun concurso escolar para poñer en valor a súa vida e obra entre o público máis novo

19/02/2025

A Deputación de Pontevedra celebrará o Día de Rosalía este venres 21 de febreiro ás 11:00 horas no Pazo provincial. Baixo o lema “Canta Rosalía!”, a Deputación alude á Rosalía cantareira en consonancia coa poesía popular oral á que están dedicadas as Letras Galegas de 2025. Ademais do presidente Luis López e o deputado de Cultura, Jorge Cubela, asistirán ao acto preto dun cento de escolares do CEIP Campolongo de Pontevedra que ao remate gozarán da función “Buscando a Rosalía” de Raquel Queizás, un espectáculo de narración oral con monicreques.

Para a celebración do Día de Rosalía de Castro o vestíbulo do Pazo provincial decorarase cunha moqueta rosada, un photocall vexetal e camelias chegadas desde a Estación Fitopatolóxica do Areeiro. Tamén haberá marcapáxinas para o público e un lote de libros para o colexio participante na actividade. Trala benvida e un breve recital de poemas da autora, os nenos e nenas do CEIP Campolongo lerán o poema “Has de cantar” e recitarán a coro “Adiós ríos, adiós fontes”.

Durante o acto deste venres, a Deputación de Pontevedra tamén anunciará a convocatoria dun concurso escolar co obxectivo de poñer en valor a vida e obra de Rosalía de Castro, ademais de achegala ao público máis novo dun xeito lúdico e didáctico. O fin deste concurso é promover o uso da lingua galega entre o alumnado da provincia.

A Deputación tamén ten en marcha unha nova edición do programa “Rosalía, a súa casiña, o meu lar” de visitas escolares á Casa-Museo de Rosalía en Padrón, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro. Este programa busca que o alumnado coñeza o labor desenvolvido pola Fundación á vez que coñecen o enorme legado de Rosalía de Castro. O prazo de inscrición rematou o pasado venres e poderán beneficiarse das achegas 40 centros, fronte aos 35 da anterior convocatoria, cubrindo tanto os gastos das entradas como os do desprazamento.