Luis López comproba nas Neves a transformación dos equipamentos do Concello tras recibir 150.000 euros dos Plans de Infraestruturas Deportivas da Deputación

O presidente provincial comprobou o remate das obras de renovación do pavimento do pavillón municipal acompañado polo alcalde Jose Manuel Alfonso, ao que lle adiantou a aprobación este venres do proxecto para a cuberta das pistas de pádel por 98.500 €

13/02/2025

O presidente provincial comprobou o remate das obras de renovación do pavimento do pavillón municipal acompañado polo alcalde Jose Manuel Alfonso

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou o impulso que a primeira e segunda edición do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas posto en marcha polo goberno provincial está a dar as instalacións municipais de toda a provincia. Fíxoo nunha visita ao Concello das Neves acompañado polo alcalde Jose Manuel Alfonso, para comprobar o remate das obras de renovación do pavimento do pavillón municipal financiadas integramente polo ente provincial e anunciar a concesión dunha nova axuda para a construción dunha cuberta para as pistas de pádel municipais que supoñen un investimento total de case 150.000 euros. “Desde a Deputación estamos a dar un impulso que para modernizar as instalacións deportivas en concellos de toda a provincia a través de programas extraordinarios como os PEID (Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas) ou o +Provincia”, salientou o mandatario provincial.

A visita do presidente Luis López ás Neves serviu para comprobar o remate das obras, valoradas en 39.500€ e financiadas ao 100 % pola Deputación a través dunha subvención enmarcada na primeira edición do PEID, que serviron para renovar o pavimento deportiva do pavillón municipal para adaptalo aos novos tempos e ofrecer un mellor servizo aos seus usuarios. Unha visita que o titular do goberno provincial aproveitou para anunciar a aprobación, este venres en Xunta de Goberno, da achega que lle corresponde ao Concello das Neves pola segunda edición do PEID, que veu dobrada a súa dotación económica ata acadar os 8 millóns de euros. Segundo avanzou Luis López, o Concello recibirá unha axuda de 98.500 euros para construír unha cuberta para as dúas pistas de pádel municipais. Uns fondos que servirán para financiar o 100 % do custo do proxecto.

Investimentos que supoñen un paso adiante para seguir facendo de Pontevedra “a provincia do deporte”, consolidada non só a través deste tipo de plans específicos, senón tamén cunha aposta decidida polo “incremento do apoio a deportistas, clubs ou federacións” ou a “organización de eventos deportivos de impacto mundial”.

Con todo, a colaboración da Deputación non se limita unicamente ás infraestruturas deportiva. A través dos distintos plans de cooperación que o goberno provincial ten en marcha, o Concello das Neves poderá recibir este ano un total de 1,23 millóns de euros a través de plans como o citado PEID, o +Provincia, do que recibirá ata 629.500 euros; e o novidoso Plan Extra, co que poderá optar a un máximo de 500.000 euros para financiar proxectos transformadores. “unha mostra da sensibilidade do goberno provincial para mellorar os servizos, as infraestruturas e a calidade de vida da veciñanza de todos os concellos da provincia”, concluíu Luis López.

Galerias de imagenes