A Deputación avanza que este venres aprobará axudas de preto de 100.000 euros para o proxecto de mellora do campo de fútbol municipal proposto polo Concello de Forcarei

A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou hoxe as instalacións do campo no que se van investir recursos provinciais do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para atender a demanda do goberno local

13/02/2025

A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou xunto co deputado Ricardo Martínez o campo de fútbol municipal de Forcarei

A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou xunto co deputado Ricardo Martínez o campo de fútbol municipal de Forcarei, onde anunciou que a Deputación aprobará na Xunta de Goberno deste venres unha inxección económica de preto de 100.000 euros para a mellora destas instalacións deportivas. Farao a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que está dotado con oito millóns de euros (o dobre que na súa primeira edición), un programa co que a institución provincial está a transformar e modernizar os equipamentos deportivos da provincia. De feito, ao abeiro deste plan, Forcarei recibirá este ano un 163% máis de recursos que na anterior edición, cando se beneficiou de máis de 36.000 euros para a mellora do pavillón polideportivo de Soutelo de Montes.

Cachafeiro remarcou que o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas “está sementado baixo o municipalismo que rexe todas as actuacións da Deputación de Pontevedra. Cremos no noso labor como garantes da autonomía municipal e apostamos por investir recursos naquelas actuacións que demandan os propios concellos como é o caso do campo municipal de Forcarei”. Neste eido, a deputada asegurou que foi o goberno local quen solicitou investir estes recursos na mellora deste recinto deportivo e detallou que a través destes fondos provinciais renovarase parte do peche perimetral da parcela, melloraranse os accesos e construirase un aseo público accesible.

 “Estamos co deporte e estamos cos concellos, e esta actuación é unha boa mostra diso”, sinalou Belén Cachafeiro, que lembrou que “a dotación e mantemento das instalacións deportivas son moi custosos e por iso estamos facendo un esforzo excepcional nesta materia con programas como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas”. A deputada aproveitou a ocasión para lembrar que o deporte é un dos eixos prioritarios do goberno da Deputación, de xeito que “este ano temos máis recursos que nunca para o deporte. Temos un modelo claro para o territorio que se basea en converter Pontevedra na provincia deporte e no grande estadio deportivo do mundo”.

Galerias de imaxes