A Deputación aproba achegas por valor de 220.000 euros para que Valga e Vila de Cruces realicen melloras en equipamentos deportivos

Son recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 8 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia

28/02/2025

Luis López

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novas achegas por valor de 220.000 € do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que os concellos de Valga e Vila de Cruces realicen melloras en diferentes equipamentos deportivos. Como explicou o presidente da institución provincial, Luis López, “cos 8 millóns de euros deste plan, o dobre que na pasada edición, continuamos modernizando os equipamentos deportivos do conxunto da provincia como nunca antes se fixera“.

En concreto, Valga recibirá 110.898 euros para o 100% das obras de acondicionamento e reparación do pavillón municipal de Baño, na parroquia de Xanza. Desta maneira, procederase a substituír os aparellos sanitarios de vestiarios e aseos que se atopen en mal estado na actualidade e a carpintería exterior. Tamén se realizará a drenaxe de recollida de augas fluviais na fachada este e recubrirase con paneis de sándwich.  Pola súa parte, Vila de Cruces contará con 106.983 euros para financiar as obras de mellora da piscina municipal, un proxecto que conta cun orzamento total de 144.266 euros e que permitirá solucionar diferentes deficiencias que presenta a instalación na actualidade.

Ademais, Luis López informou que a Xunta de Goberno aprobou a prórroga para executar e xustificar os investimentos da primeira edición deste plan. Desta maneira, o prazo para executalos amplíase do 30 de abril ao 31 de outubro deste ano, mentres que poderán xustificalos ata o 31 de marzo de 2026. Deste xeito estanse a  recoller as demandas de varios concellos da provincia, unha proba máis “de que este goberno provincial é o máis municipalista da historia; estamos ao carón dos concellos, escoitamos as súas inquedanzas e preocupacións e atendemos as súas necesidades”, destacou o presidente Luis López.

audios