A Deputación presenta Malabares ata cando?, a campaña co gallo do 8M con preto dunha vintena de actividades de sensibilización a prol da igualdade
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, deu conta da programación e do lema, que pon o foco na corresponsabilidade nos coidados para que as mulleres non teñan que sacrificar as súas carreiras profesionais nin o tempo para si mesmas
27/02/2025
A deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos, presentou este xoves Malabares ata cando?, a campaña co gallo do 8M coa que a Deputación se suma “ás reivindicacións que se propoñen desde os organismos internacionais para facer público o noso compromiso coa igualdade de xénero”. A programación está composta por preto dunha vintena de accións, que se desenvolverán ao longo de todo o mes de marzo, coas que a institución provincial reafirma a súa convicción de converter a igualdade no “eixo central da nosa acción política e na nosa folla de ruta” co fin de “fomentar os dereitos das nenas e mulleres, xa que é a nosa responsabilidade”. A deputada estivo acompañada na presentación pola ilustradora Alba Troiteiro, encargada da imaxe da campaña, que tamén fará unha acción de arte mural e un obradoiro de “hula hoop” coas internas do Centro Penitenciario da Lama.
A imaxe da campaña Malabares ata cando? está instalada ás portas do Pazo provincial e a sede de Vigo, que se iluminarán entre hoxe e o 10 de marzo de violeta. Ademais, mañá venres 28 pronunciarase unha declaración institucional no Pleno da corporación provincial a favor do Día Internacional das Mulleres. O acto central do 8 de marzo celebrarase o venres 7, e consistirá na lectura dun manifesto a cargo do Club Poio Fútbol Sala e no reparto de materiais de sensibilización entre o público. Ese mesmo día tamén se publicarán as bases da segunda edición do concurso escolar “E ti, que pensas da igualdade?”, que premia a reflexión entre a rapazada con traballos en formatos como banda deseñada, cancións, podcast ou videopoesía.
En marzo presentaranse os novos materiais da campaña contra as agresións sexuais, que xa están dispoñibles no punto violeta da Festa da Arribada de Baiona a partir de hoxe. Ademais, en Baiona exporase a partir do 7 de marzo “As achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”, coa celebración ese día dun obradoiro a cargo da profesora da Universidade de Vigo Tamara Amorín, na Praza de Abastos da localidade. Tamén en colaboración coa comunidade universitaria, neste caso coa UNED, o 11 de marzo arranca o curso avanzado de Xestión en Igualdade e Diversidade: Inclusión e Equidade para un entorno laboral máis xusto, que durará ata o 14 de maio.
Sandra Bastos anunciou a posta en marcha da terceira antoloxía de podcasts “Aquí faltan páxinas”, en colaboración co Cable Inglés, á espera de saber o 12 de marzo se gaña o Premio Ondas Globais do Podcast no que conseguiu ser finalista. E volve, os días 14 e 15 de marzo, o foro “As mulleres que opinan son perigosas”, no Teatro Principal de Pontevedra, que irá acompañado dunha nova convocatoria dos seus premios ás mulleres que exercen a profesión xornalística e o xénero de opinión.
A programación de Malabares ata cando? complétase coa Gala Cirqueiras, un evento multidisciplinar para escolares da provincia no que actuará unha selección das mellores artistas galegas das disciplinas circenses. Celebrarase o 25 de marzo, ás 12:00 horas, no CEIP Mestre Martínez Alonso de Mos. Ademais, o 13 de marzo terá lugar a presentación do novo proxecto “Mulleres de palabra(s)” e, finalmente, continuará a programación de obradoiros para alumnado entre Secundaria e FP do programa Ateneo pola Igualdade, a cargo de Priscila Retamozo, e que en marzo chegarán a centros de Moaña, Nigrán e Vigo.
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, lembrou que “unha de cada tres mulleres sofre violencia nalgún momento da súa vida, e cada dez minutos unha muller é asasinada”, e tamén sinalou que “a pobreza segue a estar feminizada e o liderado masculinizado”. Malia que as cifras mudan paseniño, “as mulleres seguimos a ser as responsables dos coidados, e asumir esta mochila non é unha carga calquera: é unha porta aberta que nos convida a renunciar ás nosas carreiras profesionais e ao tempo que podemos dedicarnos a nós mesmas”, de aí que a Deputación centrase as súas reclamacións na corresponsabilidade. “Ata cando malabares para compaxinar as distintas facetas das nosas vidas, para escoller cal priorizar? Ata cando renunciar aos nosos intereses e ser xulgadas como malas nais se apostamos polas nosas carreiras?”, preguntouse Bastos. Fronte a isto, “na Deputación imos promover espazos seguros para as mulleres, para que os dereitos de todas deixen de ser palabras e se transformen en feitos”.