A Deputación traza un percorrido por seis décadas de escultura de Acisclo Manzano no Museo de Pontevedra

A mostra, que se inaugura este venres, reúne 66 pezas creadas desde 1959 en materiais tan diversos como madeira, barro, ferro ou chumbo

12/12/2024

Presentación da exposición de Acisclo Manzano

O Museo de Pontevedra inaugura este venres a exposición ‘Acisclo en 66 obras’. Trátase dunha mostra composta por pezas representativas da evolución artística dun dos escultores galegos máis relevantes da segunda metade do século XX, percorrendo a súa traxectoria creativa desde o expresionismo figurativo dos seus inicios ata alcanzar case a abstracción. Poderá visitarse no Edificio Castelao ata o 2 de febreiro de 2025.

A mostra foi presentada esta mañá pola directora do Museo, Ángeles Tilve, acompañada da comisaria da exposición, Beatriz de San Ildefonso, e do propio artista, Acisclo Manzano. Tilve felicitou á comisaria por esta excelente selección de obras de seis décadas de creación de Acisclo, “que sempre mantivo unha base figurativa” e que permite apreciar “a calidade coa que trata os materiais, fundamentalmente a madeira e o barro”.

Pola súa banda, Beatriz de San Ildefonso lembrou que“na Atenas galega, que é como se coñecía a cidade das Burgas nos sesenta, un Acisclo moi novo e outros artistas da súa xeración, como Baltar, Jaime Quessada e Virxilio foron acollidos por Risco, que lles chamaba ‘os Artistiñas’”. De San Ildefonso explicou que “moitas das obras de madeira presentes na exposición foron creadas a partir de vigas recuperadas de derrubas, nas que el respecta as súas formas e crea ocos para aumentar o expresionismo e representar a angustia, a soidade que vía na sociedade do momento”.

A madeira foi o primeiro material que traballou, e está moi presente na exposición, do mesmo xeito que o barro galego e a arxila de Eivisa e outros como ferro, bronce, chumbo, aluminio, grafito refractario ou fibra de vidro. Deste xeito, o escultor ourensán destacou a emoción que supón ver reunidas pezas de toda a súa carreira: “Moitas das obras que están na exposición son moi importantes para min”, sinalou. “Aquí vense os tempos alegres, os tempos tristes, os escuros e os de amor e felicidade”.

Presentación da exposición de Acisclo Manzano no Museo de Pontevedra

A exposición está composta por 66 pezas datadas entre 1959 e 2010. Proceden de museos de toda Galicia, como o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo Provincial de Lugo, o Museo Municipal de Ourense e o Museo Municipal de Vigo Quiñones de León, entidades como o Parlamento de Galicia, a Compañía de Radio Televisión de Galicia, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao  e o Centro Cultural Marcos Valcárcel, fundacións como a Fundación Xaime Quessada Blanco e a Fundación Araguaney, así como galerías de arte e coleccións particulares.

Acisclo iniciou a súa carreira no Ourense dos anos sesenta, xunto a outros novos artistas da cidade baixo a influencia de Vicente Risco. El faláballes da figura de Castelao, da defensa da lingua e da cultura galegas, da loita pola liberdade e dos movementos de vangarda, e mesmo lles propuxo que interviñesen artisticamente en O Tucho, simulando o Cabaret Voltaire de Zúric, unha idea que levaron a cabo Acisclo, Xaime Quesada e José Luis de Dios coma homenaxe a Risco en 1963,uns meses despois da súa morte. Deste xeito naceu o grupo Volter, formado polos tres artistas coa intención de renovar a arte galega e defender o galeguismo.

A directora do Museo de Pontevedra presenta a exposición de Acisclo Manzano

Aí foise configurando o seu estilo, adscrito á neofiguración expresionista, que amosa o seu interese por resaltar de maneira especial os rostros e as mans, transmitindo profundas emocións a través do xesto. Busca conmover ao espectador coa deformación corporal das figuras para expresar a soidade, a violencia ou a angustia, sentimentos humanos que en ocasións potencia furando a masa.

Desde os anos setenta, o barro, co que tivo contacto desde os seus inicios, é o material co que se sente máis a gusto e o que lle proporciona maior liberdade. Acisclo modela o barro galego e a arxila eivisenca, o primeiro con volumes arredondados e formas compactas, coma a paisaxe de Galicia; o segundo inspíralle torsos femininos que lle fan imaxinar os restos da arte grega. Desde 1986 a obra monumental ten unha presenza especial na súa produción.