A Deputación visita en Vilagarcía de Arousa o campo de fútbol da Lomba, onde se instalará un videomarcador con achegas do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
O deputado provincial Javier Tourís achegouse ao terreo ao que a institución provincial destina 22.000 euros para facer fronte a esta subministración
22/11/2024
O deputado provincial de Acción Comunitaria, Javier Tourís, visitou este venres o campo de fútbol da Lomba, en Vilagarcía de Arousa, onde a Deputación de Pontevedra financia a subministración dunha pantalla LED videomarcador cunha achega provincial de preto de 22.000 euros a través do primeiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Malia todo, a Deputación non puido recepcionar a obra, como estaba previsto inicialmente, ao non existir na instalación municipal os medios necesarios para que os técnicos provinciais puideran comprobar o correcto funcionamento das pantallas.
O obxectivo desta actuación é continuar adaptando as instalacións da Lomba aos estándares esixidos para a celebración de partidos na categoría de segunda RFEF, despois de que o Concello efectuase unha renovación das súas luminarias. O videomarcador, cun tamaño mínimo de 13 m2, incluirá unha pantalla LED de última xeración que poderá ser usada en espazos deportivos tanto exteriores como interiores. Ademais, a pantalla terá a dobre función de servir tanto de marcador deportivo como de soporte audiovisual informativo ou publicitario. A achega da Deputación a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas foi de 21.995 euros.
Vilagarcía de Arousa foi o concello máis beneficiado no marco do primeiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, con 206.000 euros para tres finalidades. Ademais do videomarcador, recibiu máis de 176.000 € para a reposición do céspede artificial no campo de fútbol de Berdón e outros preto de 8.000 euros para a subministración de 540 asentos para o pavillón de Fontecarmoa, no que a Deputación investiu a través de distintos plans provinciais unha suma total de 1,5 millóns de euros. No segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millón de euros fronte aos 4 da primeira convocatoria, Vilagarcía recibirá 312.000 euros sendo de novo o concello da provincia en recibir máis recursos.