Luis López amosa o compromiso da Deputación coa cultura e as letras galegas nunha visita á sede da Editorial Galaxia

O presidente provincial, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez e o deputado de Cultura, Jorge Cubela; mantivo un encontro de traballo co equipo directivo da editorial

09/09/2024

Visita de Luis López á Editorial Galaxia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez e o deputado de Cultura, Jorge Cubela; visitou este luns a sede da Editorial Galaxia en Vigo. O mandatario provincial percorreu as instalacións desta entidade, conversou cos seus traballadores e mantivo unha reunión co presidente do Consello de Administración, Antón Vidal Andión; o director xeral, Xose Manuel Soutullo, o vicepresidente segundo, Manuel Meixide Vecino, o conselleiro delegado, Francisco Xavier Martínez Covas; e outros membros do equipo directivo para abordar asuntos de interese mutuo para as dúas institucións

Durante o encontro, o mandatario provincial destacou o labor que, ao longo dos seus máis de 70 anos de historia, a Editorial Galaxia está a realizar para a protección e divulgación da cultura e das letras galegas. Un compromiso compartido polo ente provincial e para o que o goberno que dirixe Luis López ten a mano tendida para prestar a máxima colaboración posible.

Galaxia

A editorial Galaxia foi fundada o 25 de xullo do ano 1950 en Santiago de Compostela. Ao longo dos seus 74 anos de historia, a firma editou máis de 3.000 títulos e consolidouse como a gran referencia da edición de obras en lingua galega. Ademais, ao abeiro da Editorial Galaxia constituíronse as fundacións Penzol, Otero Pedrayo e Isla Couto.  

 

Galerias de imagenes