Luisa Sánchez anuncia que Vigo acollerá o vindeiro domingo a final da Copa Deputación de Pontevedra de fútbol masculino

O C.D. Cultural Areas e o Villalonga F.C. competirán no campo federativo de Coia a partir das 19 horas polo título copeiro provincial

11/06/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de anunciar que Vigo acollerá o vindeiro domingo 16 de xuño a final da Copa Deputación de Pontevedra de fútbol masculino. A cita, que enfrontará ao C.D Cultural Areas co Villalonga F.C. terá lugar no campo federativo de Coia a partir das 19:00 horas. Ambos os equipos clasificáronse para a final da Copa Federación despois de que o Villalonga F.C. superase ao Soutomaior por dous goles a cero e o C.D. Cultural Areas ao Valladares nos penaltis.

A Deputación de Pontevedra recuperou nesta temporada a tradicional e popular “Copa Deputación”, unha competición de grande popularidade entre o fútbol base e de categorías da provincia, tras uns anos de parón. Nela participaron tanto equipos masculinos como femininos da provincia adscritos ás delegacións de Pontevedra, Vigo e Santiago e inscritos nas distintas divisións da categoría afeccionados (masculinos) e sénior (femininos) de ámbito autonómico.

A final da Copa Deputación de Pontevedra de fútbol feminino foi xa disputada a comezos de mes nun partido que enfrontou ao Lóstrego de Gondomar co Viajes Interrías de Sanxenxo, tras superar nas semifinais ao CD Valladares e ao Unión Guardesa. A vicepresidenta provincial Luisa Sánchez entregou o título ao Lóstrego de Gondomar, que se alzou coa vitoria ao vencer ao conxunto do Salnés.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.