O goberno de Luis López sitúa o municipalismo como bandeira destinando, neste primeiro ano á fronte da Deputación, un de cada tres euros á cooperación cos concellos
María Ramallo, deputada de Cooperación Local: “O Plan de Obras e Servizos da Deputación ten subido nun ano máis que nos oito anos do goberno anterior, chegando aos 48,2 millóns de euros cos que estamos a transformar, como nunca, os concellos”
10/07/2024
O goberno de Luis López sitúa o municipalismo como bandeira destinando, neste primeiro ano á fronte da Deputación, un de cada tres euros dos 190 millóns de orzamento provincial van destinados á cooperación cos concellos. As áreas relacionadas coa cooperación municipal, en mans dos deputados María Ramallo (Cooperación Local), Roberto Carrero (Cooperación Transfronteiriza), Jesús Vázquez Almuíña (Asistencia aos Concellos e Transparencia) e Alejandro Lorenzo (Xestión Tributaria, Patrimonio, Formación e Emerxencias) teñen incrementando as partidas destinadas aos municipios así como impulsado novos programas e servizos para impulsar obras que están a mellorar a calidade de vida dos habitantes de Pontevedra, así como a fomentar a cooperación transfronteiriza, mellorar a xestión de residuos ou, entre outras cuestións, dotar de maior liquidez aos concellos a través do anticipo dos recursos xestionados polo ORAL.
Cooperación Local
A colaboración estreita e o traballo cos concellos son unha das grandes máximas do goberno de Luis López. Neste primeiro ano de mandato téñense impulsado un total de 440 actuacións por valor de 90 millóns de euros en todos os municipios, que abranguen humanizacións, melloras de camiños, parques infantís e recreativos, equipamentos deportivos, redes de saneamento e abastecemento ou proxectos de mellora de eficiencia enerxética a través de programas como o +Provincia, PON 2030, convenios para infraestruturas en concellos ou coas cidades de Vigo e Pontevedra, que xestiona a deputada provincial María Ramallo.
O Plan +Provincia tense convertido no Plan de Obras e Servizos máis ambicioso da historia da Deputación de Pontevedra, subindo nun ano máis que nos oito anos do goberno anterior, pasando dos 42 millóns de euros aos 48,2 millóns de euros en só un ano. Con estes recursos, ademais de impulsar obras e afrontar gasto corrente, os concellos puideron contratar este ano a 725 persoas para traballar en dependencias municipais.
Cooperación Local tamén impulsou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 4 millóns de euros, ou, entre outras iniciativas, o convenio co Concello de Vigo para remodelación do estadio de Balaídos, por valor de 13 millóns de euros.
Cooperación Transfronteiriza
No que atinxe á Cooperación Transfronteiriza, área liderada polo deputado provincial Roberto Carrero, asináronse e impulsáronse este ano numerosos proxectos e convenios como Smart Atlántico, xunto co CIM Cávado; Mercatus, para realizar o primeiro xulgado de mediación transfronteiriza entre España e Portugal; SUDOE, sobre memoria democrática e impulsado, ademais de pola Deputación de Pontevedra, por COPE, a UNED e a Universidade de Porto; o I Concerto Transfronteirizo da man da Orquestra Clásica de Vigo; o I Torneo Transfronteirizo de Balonmán Río Miño, xunto coa Federación Galega de Balonmán; e “A Rosegha: unindo pobos”, un encontro de embarcacións tradicións impulsado da man da asociación Piueiro e as Cámaras de Caminha, Cerveira, Viana do Castelo e Povoa de Varzim.
Neste ámbito estase a traballar para fomentar as infraestruturas e a conectividade territorial entre a provincia de Pontevedra e Portugal, así como o desenvolvemento económico e a innovación para o asentamento de empresas e a fixación de poboación. Tamén se están a liderar proxectos conxuntos en materia de medio ambiente, enerxía, cultura ou tecnoloxía, apostando por tender pontes e crear contornas de diálogo para o avance dos territorios.
Asistencia aos Concellos e Transparencia
A través da área de Asistencia aos Concellos, que dirixe o deputado Jesús Vázquez Almuíña, tense tramitado un novo convenio marco de retirada de vehículos abandonados nos concellos de menos de 50.000 habitantes, dotado cun orzamento de 22.000 euros. A través deste servizo retíranse das vías públicas e nun prazo máximo de 5 días vehículos abandonados e tamén se someten a procesos de desmonte e descontaminación.
Tamén se ten impulsado un novo Servizo de Vixilancia, Inspección e Control da Xestión de Residuos (SEVIC), que neste ano ten realizado xa máis de 450 visitas a 240 establecementos de seis concellos. Ademais, tense mellorado as prestacións do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN), co programa de esterilización e control de colonias felinas dos concellos.
Finalmente avanzou en transparencia institucional coa posta en marcha de ferramentas tecnolóxicas a disposición dos concellos como o visor de transparencia, a través do cal se garante que 25 concellos da provincia cumpran coa normativa vixente nesta materia e ofrezan aos cidadáns información de interese pública.
Xestión Tributaria
No que respecta á xestión dos tributos, área dirixida polo deputado Alejandro Lorenzo, dotouse dunha maior liquidez aos concellos, con anticipos por volume de 67,15 millóns de euros o que supón un incremento de case un 1,3% con respecto ao ano pasado. Tamén se está a traballar para loitar contra o fraude fiscal, expandindo a inspección tributaria, e avanzando en políticas de transparencia e bo goberno, coa organización, por vez primeira no marco da Semana do Goberno Aberto, unha actividade centrada neta materia.
Ademais para facilitar as xestións, recuperouse a atención presencial sen cita previa nas oficinas do ORAL e implantáronse novos modos de pagamento, como o pago con tarxeta nas oficinas do ORAL ou por Bizum. Tamén se avanzou na automatización dos procedementos, como a implantación da posibilidade de realizar autoliquidacións na Oficina Virtual Tributaria de diferentes tributos dos concellos do Porriño, A Estrada e, entre outros, Moaña.
De cara aos próximos anos estase xa a traballar para incrementar aínda máis a presenza na provincia, a través do fomento de novas delegacións de competencias e mellores prestacións do ORAL. Tamén se pretende conseguir a certificación en calidade, mellorar as oficinas nos concellos e incluír a intelixencia artificial na Oficina Virtual Tributaria para optimizar as prestacións cara os cidadáns.