A Deputación pecha este mércores o prazo para que os concellos da provincia se adhiran ao programa +Emprega

O proxecto desenvolverase entre 2024 e 2025 e promoverá que 128 mozos teñan a posibilidade dunha primeira experiencia laboral nos concellos de ata 50.000 habitantes

17/08/2024

A Deputación de Pontevedra pecha o próximo mércores 21 de agosto o prazo para que os concellos da provincia soliciten contratos formativos ao abeiro do novo programa +Emprega nos concellos. O proxecto, cun orzamento de 2,1 millóns de euros para os anos 2024 e 2025, dotará mozos desempregados da provincia dunha primeira experiencia profesional nos servizos municipais dos concellos adheridos, co obxectivo de promover a inclusión social e mais o desenvolvemento económico e social da provincia a través da mellora da empregabilidade.

+Emprega permitirá que se formalicen ata 128 contratacións na modalidade de contrato formativo nos concellos de menos de 50.000 habitantes, que se repartirán da seguinte maneira: os 12 concellos con ata 3.000 habitantes terán á súa disposición un contrato; os 25 concellos de 3.001 a 10.000, un máximo de dous, e os 22 concellos de entre 10.001 e 50.000 poderán solicitar ata un máximo de tres.

No caso dos postos que requiran licenciatura, grao ou diplomatura, o máximo mensual que percibirán será de 1.400 euros (16.800 euros anuais); nos ciclos superiores de Formación Profesional, 1.200 € ao mes (14.400 € ao ano) e para os ciclos medios de Formación Profesional 1.000 € ao mes (12.000 € anuais). En calquera caso, o salario non poderá ser inferior ao 70% para o grupo profesional e o nivel retributivo correspondentes ao nivel de estudos e funcións desempeñadas.

Os concellos poden presentar as súas solicitudes a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Deputación. No Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) poden consultarse as bases da convocatoria cos detalles, requisitos e documentación necesaria.