A Deputación mantén aberta na Sede de Vigo ata o próximo xoves 25 de outubro a exposición de Nerea Cordeiro “Sobre debuxar, fiar e habitar”

A mostra, que se pode visitar na sala Maruja Mallo ata o próximo xoves, contempla unha visita guiada o mércores 23 de outubro ás 19:00 horas

20/10/2024

A Deputación mantén aberta na Sede de Vigo ata o próximo xoves 25 de outubro a exposición de Nerea Cordeiro "Sobre debuxar, fiar e habitar". A mostra, que se pode visitar na Sala Maruja Mallo ata o próximo xoves, contempla unha visita guiada o mércores 23 de outubro ás 19:00 horas. "Sobre debuxar, fiar e habitar" presenta unha parte do traballo plástico desenvolvido pola artista buenense nos seus últimos proxectos "Cidades telaraña" (2022-2023) e "Figuras de cordas" (2023- ).

Na mostra, protagonizada por unha liña que se fai camiño do papel ao espazo coa incorporación do fío, preténdese iniciar unha conversa arredor das posibilidades de converxencia que existen entre o debuxo e a escultura. Tamén busca activar e dinamizar socialmente a contorna que a rodea, tratando temas de actualidade relevantes desde o prisma da arte contemporánea. Ademais, "Sobre debuxar, fiar e habitar" enmárcase no contexto dunha incipiente tese de doutoramento (UVigo-UCM) que se centra na produción artística e pretende indagar na interconexión que se produce entre o lugar e a arte.

Nerea Cordeiro (1999) vive e traballa entre Galicia e Madrid. Despois de cursar o grao en Belas Artes pola Universidade de Vigo, trasladouse á capital para facer un mestrado universitario en Investigación en Arte Contemporánea na Universidade Complutense. Actualmente forma parte do programa de doutoramento da mesma institución. Defínese como unha artista multidisciplinar, que adoita traballar coa instalación e coa intervención. Nestes momentos está a realizar unha investigación baseada nas prácticas artísticas, cuxa principal aspiración é abrir unha conversa arredor das posibilidades de converxencia que existen entre o debuxo e a escultura, entendendo a segunda como debuxo no espazo.