#CULTURA
“Sobre debuxar, fiar e habitar”
Exposición de Nerea Cordeiro
Sala Maruja Mallo, sede da Deputación en Vigo
Do 25 de setembro ao 25 de outubro
Horario de visita: de luns a venres, de 9.00 a 20.30 h
Inauguración: mércores 2 de outubro, ás 19.00 h
Visita guiada: mércores 23 de outubro, ás 19 h
Nerea Cordeiro (1999) vive e traballa entre Galicia e Madrid. Despois de cursar o grao en Belas Artes pola Universidade de Vigo, trasladouse á capital para facer un mestrado universitario en Investigación en Arte Contemporánea na Universidade Complutense. Actualmente forma parte do programa de doutoramento da mesma institución. Defínese como unha artista multidisciplinar, que adoita traballar coa instalación e coa intervención. Nestes momentos está a realizar unha investigación baseada nas prácticas artísticas, cuxa principal aspiración é abrir unha conversa arredor das posibilidades de converxencia que existen entre o debuxo e a escultura, entendendo a segunda como debuxo no espazo.
Formou parte de diversas exposicións colectivas en Madrid, Galicia, Andalucía e Asturias; unha delas, no Centro Cultural Matadero. Foi seleccionada para participar no XIII Encontro de Novos Artistas que se organiza anualmente na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Recibiu diversos galardóns, entre eles o Premio Galicia: Pedras de Santiago, no XIII Premio Atlante do Museo das Artes do Gravado; o primeiro premio da categoría fotografía, debuxo ou gravado na edición extraordinaria dos Premios de Arte do Consello Social da Universidade Complutense de Madrid; o terceiro premio da especialidade de artes plásticas no Xuventude Crea da Xunta de Galicia durante as edicións 2022 e 2023 e o terceiro premio no XVII Certame de Artes Plásticasda Deputación de Ourense, ademais de ser seleccionada como artista gañadora no XXVII Certame de Propostas de Axuda á Creación Visual de VEGAP e no VII Premio ArteLateral Complutense. Ao mesmo tempo, foi finalista en diversos certames coma Novos Valores, o Premio Auditorio de Galicia, a Bienal Internacional Arte no Morrazo e o Certame de Creación Artística Contemporánea da Universidade de Loyola. Tamén participou en diferentes proxectos entre os que destaca “Mulleres (rur)urbanas” en colaboración co proxecto “7h cooperativa cultural” e Inside Out.
“Sobre debuxar, fiar e habitar” é unha proposta expositiva que recolle unha pequena parte do amplo traballo plástico desenvolto pola artista nos seus dous últimos proxectos: “Cidades telaraña” (2022-2023) e “Figuras de cordas” (2023- ). Partindo dunha certa estética, protagonizada por unha liña que se fai camiño do papel ao espazo coa incorporación de fío, preténdese iniciar unha conversa arredor das posibilidades de converxencia que existen entre o debuxo e a escultura. Ademais, búscase activar e dinamizar socialmente a contorna que a rodea, tratando temas de actualidade relevantes desde o prisma da arte contemporánea. Por último, enmárcase no contexto dunha incipiente tese de doutoramento (UVigo-UCM) que se centra na produción artística e que quere indagar na interconexión que se produce entre o lugar e a arte.
A citada investigación resulta dun proceso de traballo iniciado en proxectos anteriores e intenta dar resposta a unha serie de inquedanzas que se repiten constantemente. Estas pódense definir a través do significado que se lles dá a dous infinitivos en particular: tecer e morar. Enténdese por tecera interpretación da imaxe e estrutura da arañeira como recurso á hora de xerar unha linguaxe visual e textual. Así mesmo, morarrefírese a incluír o espazo expositivo e/ou de taller como elemento de traballo dentro da práctica creativa. A obra exposta responde a este interese por unir ambas as dimensións espaciais, a da memoria que se concreta mediante estruturas en rede e a do lugar de traballo e creación cuxos límites se esvaecen co da exposición.