A Deputación supervisa os traballos de execución de cunetas de seguridade na estrada provincial EP-0403 Carballedo-Rebordelo en Cerdedo-Cotobade
A deputada Belén Cachafeiro recorreu xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, esta actuación de seguridade viaria que se está a desenvolver nesta estrada provincial ao abeiro do acordo marco de cunetas na rede da Deputación, dotado con preto de 2 millóns de euros
15/02/2025
A Deputación de Pontevedra está a executar cunetas de seguridade e obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-0403 Carballedo-Rebordelo no Concello de Cerdedo-Cotobade. A deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro, recorreu xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, a actuación que se está a desenvolver nesta estrada provincial ao abeiro do acordo marco de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación, que ascende a preto de 2 millóns de euros.
Segundo destacou Cachafeiro, as obras que se están a realizar no Concello de Cerdedo-Cotobade trátanse de operacións de mellora da seguridade viaria mediante a execución de cunetas na estrada provincial EP-0403 Carballedo-Rebordelo, a carón do punto quilométrico 1+900. “Mediante estas cunetas de formigón armado - tal e como recordou a deputada- non só se vai mellorar a drenaxe da estrada mediante a evacuación das augas pluviais, senón que se vai xerar un espazo transitable máis seguro para os peóns”. A actuación en Cerdedo-Cotobade contempla a execución de cunetas, a colocación de tubaxes para drenaxe, a execución de arquetas e o recrecido de pozos.
Belén Cachafeiro lembrou que esta é só unha das actuacións incluídas no acordo marco de obras de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación de Pontevedra, que ascende a 2 millóns de euros. Ao abeiro deste acordo marco e no concello de Cerdedo-Cotobade tamén se vai actuar na estrada provincial EP-0407 Borela-Ponte Caldelas, onde tamén se vai executar a instalación de barreiras de seguridade no marco das actuacións de conservación integral da rede viaria da Deputación de Pontevedra.