A Deputación analiza proxectos para presentar á terceira convocatoria do programa de cooperación Espazo Atlántico 2021-2027
No marco deste programa, a institución está a traballar en iniciativas con repercusión no eido local e no tecido produtivo e social da provincia
24/09/2024
A Deputación de Pontevedra está a traballar na análise de proxectos para presentar á terceira convocatoria do programa de cooperación Espazo Atlántico 2021-2027. Os deputados provinciais Javier Tourís e Belén Cachafeiro reuníronse con técnicos provinciais dos servizos de Cooperación e Proxectos Europeos para valorar e analizar potencias temáticas e actuacións con encaixe nas prioridades do programa europeo e repercusión no eido local e tecido produtivo e social da provincia.
En particular, a Deputación de Pontevedra está a traballar en temáticas e actuacións relacionadas coa enerxía, coa economía circular, co turismo e co patrimonio cultural marítimo. Ademais, tamén está a estudar a posibilidade de conformar un consorcio transnacional con entidades de Francia, Irlanda e Portugal para avanzar nestas cuestións con impacto local. Para a institución provincial, tal e como subliñaron os deputados, esta convocatoria supón unha oportunidade en termos de financiamento pero tamén para intercambiar experiencias e boas prácticas sobre problemáticas compartidas.
O programa Espazo Atlántico vai publicar a súa terceira convocatoria cunha dotación orzamentaria de 43,1 millóns de euros. Vertebrarase arredor de tres prioridades: innovación azul e competitividade; medio ambiente verde e azul; e cultura e turismo azul. E os proxectos poderán optar a unha taxa de cofinanciación do 75%.