A Deputación está a traballar con entidades de Francia, Irlanda e Portugal nos retos da bioeconomía azul no Espazo Atlántico

A través da Estación Fitopatolóxica Areeiro participa no proxecto europeo BEAP-MAR, coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela, que conta cunha subvención de 1,66 millóns de euros do Interreg Atlantic Area 2021-2027

17/12/2023

A Deputación de Pontevedra está a traballar con entidades de Francia, Irlanda e Portugal para  abordar os retos clave da bioeconomía azul no Espazo Atlántico. A través da Estación Fitopatolóxica Areeiro, a institución provincial está a participar no proxecto europeo BEAP-MAR, coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), que conta cunha subvención de 1,66 millóns de euros do Interreg Atlantic Area 2021-2027, que cobre o 75 % do orzamento total do proxecto, que ascende aos 2,2 millóns de euros.

O obxectivo principal de BEAP-MAR, cuxa primeira xuntanza de traballo terá lugar o 30 de xaneiro no Campus de Lugo da USC, é valorizar os organismos mariños que non se teñen explotado comercialmente de maneira tradicional, como novas cepas de microalgas e macroalgas, fungos mariños e esponxas, coa finalidade de desenvolver novos proxectos innovadores e produtos sostibles de alto valor engadido.

No caso concreto da Deputación de Pontevedra, a Estación Fitopatolóxica Areeiro comezou cos traballos de identificación dos diferentes organismos mariños, principalmente fungos, para que outros dos socios do proxecto poidan despois analizar se neses organismos existe algunha biomolécula que poida ser empregada na industria. O orzamento da institución provincial para esta iniciativa é de 164.315 euros, dos que o programa Interreg financia o 75 % (123.236 euros).

Ademais da USC e da Deputación, hai outros seis socios no proxecto BEAP-MAR, pertencentes a catro estados membros da Área Atlántica: dúas universidades, a de Galway (Irlanda) e a do Algarve (Portugal); dous centros superiores de investigación, o Politécnico de Leiria (Portugal) e o Commissariat a l’Énergie Atomique et Énergies Alternatives (Francia);  unha axencia nacional, a French Agency for Food, Environmental and Occupational Health & Safety (Francia), e un centro de innovación empresarial, o WestBIC (Irlanda).

 

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.