A Deputación continúa cos obradoiros formativos do programa “SmartPeme” con tres novas accións esta semana

Os obradoiros, que se desenvolven de xeito telemático, centraranse en ciberseguridade, márketing sostible e infraestrutura dixital

21/01/2024

A Deputación de Pontevedra, a través do programa “SmartPeme” de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana tres novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades, que se celebrarán de xeito telemático, abordarán temas relacionados coa ciberseguridade, co márketing sostible e coa infraestrutura dixital.

As accións formativas inícianse este luns 22 de xaneiro, ás 10:00 horas, con Ciberseguridade, Que É o Malware. Trátase dun obradoiro para darlles a coñecer ás e aos asistentes que son os programas maliciosos, os seus diferentes tipos ou como saber se un dispositivo está infectado. Impartirao Manuel Freire, o experto universitario en robótica, programación e impresión 3D.

O mércores 24, de 12:00 a 13:00 horas, terá lugar o obradoiro Márketing Sostible, no que Fátima Faílde, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e con experiencia en comunicación corporativa, dará a coñecer a importancia de analizar a sostibilidade e como desenvolvela tanto nos propios negocios coma en accións de márketing.

Finalmente, o xoves 25 de xaneiro, de 11:00 a 12:30 horas, terá lugar o obradoiro Infraestrutura Dixital. Canto Custa Enviar un Whatsapp?, a cargo de Manuel Freire.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.