A Deputación oferta esta semana catro novas accións formativas dentro do programa “SmartPeme”

Os obradoiros, que se desenvolven de xeito telemático, centraranse na ciberseguridade, nas solucións tecnolóxicas para o sector turístico, en Sendinblue e na creación dun plan de empresa

04/02/2024

A Deputación de Pontevedra, a través do programa “SmartPeme” de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana catro novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades, que terán lugar de xeito telemático, abordarán temas relacionados coa ciberseguridade, as solucións tecnolóxicas para o sector turístico, Sendinblue e a creación dun plan de empresa.

As accións formativas inícianse este luns 5 de febreiro, ás 10:30 horas, con Ciberseguridade, Ransomware e Suplantación de Identidade. O obxectivo deste obradoiro é dar a coñecer o ransomware, en que consiste e como afecta, así como abordar a suplantación de identidade. Impartirao o experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire.

O martes 6, de 10:00 a 11:30 horas, terá lugar o obradoiro Demostración de Solucións Tecnolóxicas para o Sector Turístico, onde diversas empresas darán a coñecer iniciativas innovadoras que desenvolveron e son aplicables á industria turística. Esta demostración tamén facilitará o establecemento de novas relacións empresariais e a xeración de colaboracións entre as persoas  participantes que forman parte desta industria crucial para a provincia de Pontevedra.

O mércores, a partir das 12:00 horas, Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, impartirá o obradoiro Sendinblue Agora é Brevo, onde se explicará como facer unha newsletter, axustando a ferramenta ás necesidades das empresas, e se dará a coñecer como facer unha base de datos.

Finalmente o xoves 8, de 12:00 a 13:00 horas, terá lugar o obradoiro Crea o teu Plan de Empresa. A través desta acción formativa proporcionaranse as chaves para desenvolver modelos de negocio. Impartirao Eva Pérez, economista con formación especializada en xestión empresarial da innovación.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.