Luis López destaca o investimento de 245.000 euros para construír unha senda peonil na EP-5005 en Crecente como mostra do “cumprimento” coa mellora do viario provincial

O presidente provincial reafirma o compromiso da Deputación de tender pontes cos concellos coa sinatura dun convenio co alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo

25/09/2024

Visita a Crecente

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirmou o cumprimento do organismo provincial co seu compromiso de asegurar o bo estado de conservación e mellorar a seguridade viaria da rede de estradas provinciais nunha visita ao Concello de Crecente para asinar un novo convenio de colaboración para a intervir nun treito de máis de 550 metros da estrada provincial EP-5005, na que, en colaboración co goberno local, investiranse uns 245.000 euros para a construción dunha senda peonil. “Unha nova mostra de que a Deputación segue tendendo pontes cos concellos para mellorar a calidade de vida dos veciños, segue dotando á provincia de mellores infraestruturas e segue cumprindo coas súas obrigas en materia de mantemento de estradas”, afirmou o mandatario provincial nun acto co alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo no que tamén estivo presente a deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo.

A través deste acordo de colaboración, no que a Deputación achega o 80 % do orzamento, uns 195.200€; e o Concello, os 48.800€ restantes; séntanse as bases para a actuación na nun treito de 570 metros da EP-5005, entre os puntos quilométricos 11+980 e 12.+550, que unen as localidades de Ponte Ribadil e Crecente. O proxecto contempla a creación dun itinerario peonil de 2,50 metros de ancho na marxe esquerda da estrada que favoreza a mobilidade peonil dun xeito seguro. Así mesmo, para garantir a seguridade viaria, o proxecto contempla a instalación de pasos de peóns sobreelevados e a mellora da sinalización horizontal e vertical ao longo de todo o treito.

A sinatura deste acordo de colaboración entre a Deputación e o Concello de Crecente é unha nova mostra da vontade do goberno provincial de tender pontes cos concellos da provincia para construír xuntos unha provincia con mellores servizos e infraestruturas. Unha vontade que, segundo sinalou o presidente López, é compartida tamén polo rexedor García-Luengo. “Cumprir é fácil cando o interlocutor é unha persoa que prima a cooperación institucional, a lealdade, que presenta proxectos acaídos, demandados e necesarios”, sinalou o mandatario provincial, dando os parabéns ao rexedor polo seu labor.

A posta en marcha dun novo proxecto de mellora da rede viaria provincial non é un caso illado, no que vai de mes de setembro o organismo provincial avanzou en numerosos asuntos neste ámbito. No pasado pleno, adxudicouse o novo contrato do servizo de mantemento de estradas por 39 millóns, asináronse tres convenios coa cidade de Vigo para mellorar a mobilidade urbana cun investimento total de 6,2 millóns, e rematáronse uns traballos similares na EP-8004 no Salnés. “Catro exemplos recentes, actuais, que falan ás claras de que esta institución cumpre coas súas obrigas, cumpre cos concellos e cumpre coa veciñanza”, rematou Luis López. 

Galerias de imagenes