A Deputación destina máis de 60.000 euros para que Arbo e Crecente impulsen e melloren infraestruturas deportivas municipais

Con estas achegas do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, Arbo acometerá obras no campo de fútbol e Crecente, na piscina municipal

16/03/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar dúas axudas ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, que ascenden a 63.000 euros para os concellos de Arbo e Crecente. Este plan está aberto aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, que aínda poden solicitar beneficiarse das súas axudas ata o vindeiro 22 de marzo. Ata o momento, o Goberno provincial xa mobilizou preto de 500.000 euros dos 4 millóns de orzamento total, con achegas para Pazos de Borbén, Barro, Cerdedo-Cotobade, Redondela e Poio, ademais das de Arbo e Crecente.

En concreto, o Concello de Arbo recibe unha achega de 33.268 euros do devandito plan, coa que sufragará o 100 % do orzamento da reforma dos vestiarios do campo de fútbol municipal, situado no lugar de Chan. Desta maneira, cos recursos provinciais habilitaranse dous novos vestiarios nas instalacións, que se atopan baixo bancada do campo, e resolveranse as actuais filtracións de auga da fachada destes.

Pola súa banda, o Concello de Crecente sufragará, grazas a unha achega de 29.870 euros do plan provincial, o custo total das obras de mellora e remodelación da piscina municipal, que, debido ao paso dos anos, ás inclemencias climáticas e á falta de uso durante a época invernal, presenta danos nalgúns materiais, que deben substituírse por uns novos. Ademais, cos recursos provinciais tamén se renovará o céspede, invadido co paso dos anos polas malas herbas, e dotarase o recinto de instalación eléctrica.