Rafa Domínguez remarca a lealdade institucional entre a Deputación e o Concello para darlle impulso a tres importantes actuacións na capital da provincia “que mellorarán a vida dos pontevedreses”
“Que se teñan desbloqueado estes tres convenios pon de manifesto a intención desta Deputación de investir en Pontevedra”, manifestou o vicepresidente provincial quen enxalzou a “boa vontade política e bo entendemento” de ambas institucións para “traballar polo interese común de todos os pontevedreses”
20/06/2024
O Pazo provincial da Deputación acaba de acoller unha xuntanza entre o vicepresidente Rafa Domínguez e o concelleiro de Pontevedra César Mosquera para dar seguimento aos convenios que ambas institucións manteñen para impulsar actuacións na capital da provincia e que “por diversas cuestións enfrontábanse a algunha dificultade”. Trala reunión, na que se desbloquearon tres importantes proxectos “que mellorarán a vida dos pontevedreses”, Rafa Domínguez, remarcou “a intención desta Deputación de investir en Pontevedra” e enxalzou a “boa vontade política e bo entendemento” entre a institución provincial e o concello para “traballar polo interese común” dos habitantes da cidade do Lérez.
En concreto na xuntanza analizáronse as actuacións que está a impulsar o Concello de Pontevedra cos recursos da Deputación como son as obras de rehabilitación interior e mellora da accesibilidade da Casa Consistorial, o proxecto de acondicionamento da parcela sobre a vía férrea na rúa 12 de novembro e a execución do novo viario de interconexión entre a rúa Rosalía de Castro e a avenida de Marín en Mollabao. “As tres tiñan os seus convenios coa vixencia a piques de rematar ou estaban pendentes de axustes económicos, polo que foi preciso, sempre tendo en conta o criterio dos técnicos de ámbalas dúas institucións, preparar a fórmula para mantelos, sacalos adiante e non perder os recursos económicos”, subliñou Rafa Domínguez.
No caso da rehabilitación interior e mellora da accesibilidade da Casa Consistorial do Concello de Pontevedra a obra vai estar rematada “en tempo e forma” pero é preciso, tal e como informou o vicepresidente provincial, realizar unha modificación de crédito por valor de 429.670 euros que asumirá a Deputación de Pontevedra.
Sen embargo, no caso das outras dúas actuacións ao non poder rematarse en tempo e forma é preciso asinar novos convenios. O acondicionamento da parcela sobre a vía férrea na rúa 12 de novembro, ademais, ten incrementado o importe polo que o novo convenio recollerá o incremento de crédito de 210.973,10 euros, dos 2,5 millóns que achega a Deputación. Neste caso, ademais, contémplase que esta actuación remate antes do 21 de decembro de 2025 e se certifique antes do 30 de abril de 2026.
Finalmente debido, entre outras cuestións, a que autorización de Costas non chegou a tempo, tamén é preciso poñer en marcha un novo convenio para o viario de interconexión entre a rúa Rosalía de Castro e a avenida de Marín, cunha vixencia de 2 anos máximo e posibilidade de prórroga doutro ano máis.