Luis López sinala a obra da Praza de Barcelos como exemplo do impulso da Deputación á mellora da cidade de Pontevedra
O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, destacou a importancia da colaboración co Concello para sacar adiante proxectos estratéxicos durante unha visita á praza na que a Deputación investiu dous millóns de euros
31/05/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou a mellora paisaxística e de mobilidade peonil polo remate das obras da praza de Barcelos, no centro de Pontevedra. Un proxecto levado a cabo en colaboración entre a Deputación e o Concello e no que o organismo provincial investiu 2 millóns de euros. “Quero resaltar este espírito de colaboración co Concello, que é o que fai que proxectos estratéxicos para a cidade saian adiante”, afirmou o mandatario provincial durante unha visita a esta praza, na que estivo acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez.
Os traballos realizados consistiron na mellora do viario perimetral desta céntrica praza, nos que se reduciron os carrís de tráfico, ampliaron as beirarrúas e se instalaron redutores de velocidade e pasos de cebra sobreelevados, así mesmo ampliáronse as zonas verdes. “Os que gañan son os peóns”, recoñeceu o presidente provincial, quen destacou o funcionamento desta praza como “punto de encontro” para a veciñanza da cidade e de toda a comarca de Pontevedra.
Despois de dar os parabéns ao equipo técnico polo bo acabado das obras, Luis López tamén quixo desculparse coa veciñanza e comerciantes da zona que se puideron ver afectados polos retrasos que sufriron as obras. Aínda que agora, cos traballos rematados, “son os grandes beneficiados”.
Integración con Santa Clara
O presidente da Deputación de Pontevedra referiuse tamén á rehabilitación do convento de Santa Clara para salientar o intenso traballo que se está a realizar desde a Deputación, encabezado polo vicepresidente Rafa Domínguez, para dar o “impulso” definitivo para dotar á Pontevedra dun “pulmón verde no centro da cidade”.
Neste sentido, o mandatario provincial recoñeceu tamén a boa predisposición e “máxima colaboración” do Concello de Pontevedra, así como a vontade mutua de cooperar para “sacar proxectos adiante na cidade de Pontevedra”.
Pola súa parte, o vicepresidente Rafa Domínguez fixo referencia ao proceso de redacción e licitación do proxecto de reforma e avanzou que, “se todo vai ben”, o proxecto podería licitarse a finais de ano.