Rafa Domínguez percorre co mellor publicista do século XX, Lluis Bassat, o Museo de Pontevedra

O vicepresidente da Deputación amosou o orgullo de acoller “a unha das persoas máis influentes da publicidade no Museo” porque “deixar pegada en Bassat é un paso máis para avanzar na nosa aposta por converter Pontevedra nun espazo cultural de relevancia internacional”

30/05/2024

Rafa Domínguez percorre con Lluis Bassat o Museo de Pontevedra

Rafa Domínguez percorreu esta mañá o Museo de Pontevedra con Lluis Bassat, o considerado mellor publicista do século XX, quen se atopa na cidade para participar no Congreso Flúor, no que impartiu a conferencia inaugural. Na visita ao Museo, o publicista, quen confesou ser un gran amante da arte, tivo a oportunidade de coñecer da man do vicepresidente da Deputación a colección permanente do Edificio Castelao e os proxectos nos que está a traballar o Museo para lanzar e impulsar a súa imaxe a nivel internacional.

“É un inmenso orgullo acoller a unha das persoas máis influentes da publicidade no Museo de Pontevedra”, remarcou o vicepresidente da Deputación quen engadiu que “temos deixado pegada en Bassat o que, sen dúbida algunha, é un paso máis para avanzar na nosa aposta por converter Pontevedra nun espazo cultural de relevancia internacional, co Museo de Pontevedra como o seu faro”. Neste eido, Domínguez aproveitou a ocasión para dar a coñecer ao publicitario algunhas das iniciativas nas que está a traballar a entidade provincial como a Bienal de Arte, sobre a que Bassat amosou interese e á que foi convidado polo vicepresidente tras ter afirmado ser un gran coleccionista de arte contemporánea.

Lluis Bassat fundou en 1975 Bassat & Asociados e, desde o primeiro momento comezou a gañar concursos, clientes, fama e o aprecio de David Ogilvy, un gran publicista norteamericano.  Cinco anos despois a axencia internacional Ogilvy&Mather adquiriu o 25% da empresa de Bassat e abriu a súa primeira oficina en Madrid desde a que Lluis tivo a oportunidade de desenvolver plenamente o seu talento profesional no ámbito internacional e traballar con grandes marcas multinacionais. Ao longo da súa traxectoria ten gañado máis de 400 premios nos festivais publicitarios de Cannes, Nova York, Londres, Iberoamérica e España e está considerado como o mellor publicista do século XX.

Galerias de imagenes