Rafa Domínguez enxalza a figura de Barreiro no arranque de Conversas con Arte, a serie de conferencias coa que o Goberno provincial quere impulsar as e os artistas locais

“Este é un programa moi necesario” remarcou o vicepresidente xa que “estamos a vivir un renacemento cultural en Galicia sen precedentes e as institucións debemos cumprir e apoiar, na medida das nosas posibilidades, este inmellorable momento”

10/04/2024

Rafa Domínguez enxalza a figura de Barreiro no arranque de Conversas con Arte

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra inaugurou no salón de plenos do Pazo provincial o ciclo Conversas con Arte, que deu comezo esta tarde coa figura de José María Barreiro, o artista "da alegría de vivir". Trátase dun "programa moi necesario", asegurou Rafa Domínguez, xa que "estamos a vivir un renacemento cultural en Galicia sen precedentes e as institucións debemos cumprir e apoiar, na medida das nosas posibilidades, este inmellorable momento".

Conversas con Arte responde, ademais, a unha aposta do vicepresidente provincial a través do Museo de Pontevedra para remarcar o papel destacado da provincia no ámbito artístico. "Os estudosos calculan ―afirmou o vicepresidente― que existen máis de mil artistas de contrastada calidade nesta fermosa e creativa cidade onde conflúen a Facultade de Belas Artes, a Escola de Restauración e Conservación de Bens Culturais, a Escola de Cantería e o Museo de Pontevedra". E, entre eles, Domínguez enxalzou a vida e obra de José María Barreiro, "un dos artistas máis importantes de Galicia", co que foi posible dialogar no salón de plenos e observar como elabora unha das súas creacións. A presentación de Barreiro correu a cargo de Antón Castro, "un dos máis importantes teóricos da Historia de Arte de Galicia, que acaba de chegar a Pontevedra tras impartir unha serie de conferencias en Milán", detallou o vicepresidente.

Tras o arranque de Conversas con Arte, da man de José María Barreiro, o programa continuará nos vindeiros meses con outras figuras e artistas de impacto internacional con vínculo coa provincia. O obxectivo é difundir as diferentes manifestacións artísticas que xurdiron e xorden na provincia, así como as grandes personalidades vencelladas a diferentes movementos nadas ou relacionadas con Pontevedra.

José María Barreiro

José María Barreiro naceu en Forcarei, en 1940. En 1963 trasládase a París, onde coñece e estudia a obra de Picasso, Duffy e Matisse. De regreso a Vigo, intégrase no ambiente intelectual da cidade e comparte estudo e casa, durante catro anos, con Urbano Lugrís, con quen desenvolve unha serie de proxectos murais. En 1969 trasládase a Bos Aires convidado por Laxeiro, onde coñece a Luis Seoane a os pintores Rómulo Macció, Castagnino, López Claro e Betinelli. A partir de 1974 a súa actividade profesional vai en aumento e consolida unha linguaxe identificable e persoal. Expuxo en cidades galegas coma Pontevedra, Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, pero tamén en diferentes puntos da xeografía estatal coma Madrid, Barcelona, Marbella, Puerto Banús ou Valladolid; e do estranxeiro, coma Bos Aires (Arxentina), Niteroi (Brasil), Coimbra (Portugal) ou Chicago (Estados Unidos de América).

Galerias de imagenes