A Deputación levará máis de 100 espectáculos a 49 concellos da provincia da man do circuíto cultural +Escénicas

Luis López: “Trátase dun programa moi demandado polo sector profesional. Por iso nós tiñamos claro que debiamos escoitalos e poñer en marcha unha iniciativa como +Escénicas, que recollese as súas demandas”

11/10/2024

Xunta de Goberno 11-10-2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno a programación de  +Escénicas,  o primeiro circuíto de teatro e danza posto en marcha desde a institución que chegará a 49 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia con 105 actuacións e un investimento de 145.000 euros. Trátase, tal e como explicou o presidente Luis López, dun circuíto "moi demandado polo sector profesional das artes escénicas. Por iso nós tiñamos claro que debiamos escoitalos e poñer en marcha unha iniciativa como +Escénicas, que recollese as súas demandas".

En concreto, os concellos que se beneficiarán de +Escénicas  recibirán achegas que oscilan entre os 1.200 e os 3.400 euros para programar espectáculos entre outubro deste ano e marzo de 2025. Cada concello podía solicitar un máximo de tres espectáculos, de entre os 300 ofertados a través dun catálogo elaborado por vez primeira pola Deputación, cofinanciados en función do tamaño do concello. Desta maneira, a Deputación financia o 90 % do custo naqueles concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80 %, nos de están entre 5.000 e 10.000 e o 70 %, nos que teñen entre 10.000 e 20.000.

"A cultura é un dos nosos eixos prioritarios e queremos, e debemos, contribuír á programación cultural estable en todos os concellos da provincia, independentemente do seu tamaño, favorecendo así o acceso á cultura por parte de todos os públicos", asegurou o presidente provincial.

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.